A IV xuntanza provincial do socialismo ourensáns ‘ConMemora’ celébrase este sábado baixo o lema “Alén da Posverdade”

OurenseXa
O acto, que xa visitou A Peroxa, Santa Cruz de Arrabaldo e Maceda, celebrarase en Lobios
IV edición de ConMemora
IV edición de ConMemora
20 Mar 2025

O PSdeG-PSOE de Ourense celebra este sábado 22 de marzo en Lobios a IV edición de ConMemora, a xuntanza provincial do socialismo ourensán, baixo o lema “Alén da Posverdade”. Dende a Executiva Provincial dan continuidade un ano máis a un evento que xa visitou A Peroxa, Santa Cruz de Arrabaldo e Maceda e que conmemora a voda de Pedro de la Iglesia e Juana Pose de la Iglesia, de cuxo enlace naceu Pablo Iglesias Posse, fundador do PSOE e da UXT. Un matrimonio que tivo lugar na igrexa da freguesía da Trinidade de Ourense fai case 180 anos.

Esta nova edición desenvolverase a carón da terra irmá de Portugal e “terá a súa cerna política na acción de superación da posverdade, e seu espírito afectivo na fraternidade que bebe dos mananciais da ilustración e a democracia”, explican dende a Executiva Provincial do PSdeG-PSOE de Ourense. As e os socialistas buscan “crear novas sinerxías a nivel provincial e seguir traballando para que as ideas socialistas e o proxecto cheguen a tódolos puntos da provincia e construír un socialismo provincial aínda máis unido e forte, única alternativa real aos gobernos do Partido Popular”.

O acto arrancará ás 12:30 horas coa benvida a cargo do voceiro socialista en Lobios, Patrick Rodríguez. Na quenda de intervencións participarán a profesora María Nieves Lagares da Universidade de Santiago de Compostela; Vasco Ribeiro, profesor de comunicación política da Universidade de Porto; Manuel Escudero Zamora, presidente do Laboratorio de Ideas de Progreso AVANZA do PSOE; Carmela Silva, presidenta do PSdeG e senadora por Pontevedra; Lara Méndez, secretaria de organización do PSdeG e deputada no Parlamento de Galicia e Rafael Rodríguez Villarino, secretario provincial e senador por Ourense.

Un ano máis tamén se procederá a entrega dos premios ConMemora ao compromiso co socialismo e cos concellos a dúas personalidades destacadas na política da Baixa Limia, como son Maribel Santos Pérez, en Bande e Antonio Ferreira López, en Lobios. Na xuntanza socialista tamén se terá moi presenta a figura de Rafael Pérez Martínez “Tito”, alcalde socialista de Muíños que finou fai uns meses.

O acto rematará coa interpretación do Grândola Vila Morena e do himno de Galicia a cargo da agrupación musical Os Afinantes, para posteriormente dar paso a un xantar que se celebrará no restaurante Lusitano, que pechará a xornada de comuñón socialista.

⚙ Configurar cookies
0.087419986724854