A IX Carreira Popular San Silvestre Ourensá percorrerá o casco histórico para despedir o ano

A cidade de Ourense despedirá o ano 2024 e daralle a benvida ao 2025 con dúas carreiras populares. O salón de plenos do Concello acolleu a presentación dunha nova edición da San Silvestre Ourensá, que percorrerá o centro histórico da cidade o 31 de decembro pola tarde, e da Subida á Costiña de Canedo, que se levará a cabo o 1 de xaneiro pola mañá. Participaron no acto o concelleiro de Deportes, Aníbal Pereira, o director da Área de Deportes da Deputación, Marcos Vázquez; o xefe do Servizo Provincial de Deportes da Xunta, Manuel Pérez; o presidente do Club Ourense Atletismo, José Antonio Álvarez; o organizador da Subida á Costiña de Canedo, Saturnino González, e representantes das empresas RunManiak e Metropolitan.
Aníbal Pereira animou os e as atletas de Ourense a participar nestas dúas citas, que cada ano contan cunha nutrida participación popular: “É unha bonita forma deportiva de pechar o ano e de abrilo nun ámbito, o das carreiras, no que Ourense é unha das cidades que conta cun maior número de persoas afeccionadas”, manifestou.
A IX Carreira Popular San Silvestre Ourensá percorrerá o centro histórico da cidade o día 31 de decembro pola tarde, con 3 categorías.
A carreira absoluta terá a súa saída ás 16.30 horas e consistirá en dúas voltas a un circuíto de 2.5 km (5 en total). Con saída desde a Rúa do Paseo (Subdelegación de Defensa), avanzará polas rúas Bedoya, Parque de San Lázaro, Santo Domingo, Praza do Ferro, Viriato, Lúa, Praza do Correxedor, Praza dos Suaves, Cardeal Cisneros, Praza do Trigo, Hernán Cortés, Julio Prieto Nespereira, Lugo, Vilar, Praza da Ferrería, Cervantes, Barreira, Praza Maior, Lamas Carvajal e rúa do Paseo (Subdelegación de Defensa)
Tamén haberá carreiras na categoría de Pitufos, ás 16.00 horas, cunha ruta de 100 metros pola rúa do Paseo, e das categorías Sub10, Sub12 e Sub14, ás 16.15 h, que consistirá nunha volta a un circuíto de 1,25 km: Rúa do Paseo (Subdelegación de Defensa), Bedoya, Santo Domingo, Praza do Ferro, Paz, Tendas, Praza Maior, Lamas Carbajal, Paseo.
As persoas interesadas poden inscribirse a través da páxina web www.carreirasgalegas.com, ata o día 25 de decembro, a un prezo de 7 euros (na categoría absoluta, gratuíta nas demais)
Pola súa banda, a Subida á Costiña de Canedo chegará á súa edición número 31 o día 1 de xaneiro de 2025, con saída ás 12.30 horas, para dar inicio ao calendario deportivo do ano na cidade.
Todas as persoas que o desexen poden participar, sen necesidade de inscrición previa, e percorrer a pé ou en bici a ruta de 3,3 km que vai desde a boca do túnel até a igrexa de Castro de Beiro, onde haberá unha chocolatada final.