A licitación do último treito da Ronda Leste de Ourense mobilizará 13 millóns para completar a infraestrutura

OurenseXa
Luis Menor destaca que a actuación impulsada pola Xunta mellorará a mobilidade, a seguridade viaria e as conexións da contorna urbana, beneficiando, segundo indicou, á metade da poboación da provincia
licitacion-rolda-leste
21 Jul 2026

O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, participou este martes xunto ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, no acto de presentación da licitación do último treito da Ronda Leste de Ourense, unha actuación que contará cun investimento de 13 millóns de euros e que permitirá completar esta infraestrutura viaria.

Durante o acto, Menor asegurou que este proxecto supón un paso decisivo para culminar a transformación da mobilidade na cidade e subliñou que representa “o impulso definitivo” para desbloquear unha infraestrutura estratéxica. Segundo destacou, a actuación permitirá mellorar as conexións por estrada na contorna urbana e “beneficiará á metade da poboación da provincia de Ourense, é dicir, investindo no 50% dos nosos habitantes”.

O presidente provincial incidiu en que a nova infraestrutura terá un impacto directo na calidade de vida da cidadanía, ao reforzar a seguridade viaria e favorecer a competitividade económica da provincia.

A Ronda Leste está deseñada para enlazar de maneira máis eficiente puntos estratéxicos da cidade, como o Complexo Hospitalario Universitario de Ourense, o campus universitario e os principais accesos ao núcleo urbano. Segundo explicou Menor, isto permitirá reducir a intensidade do tráfico no centro da cidade e acurtar os tempos de desprazamento para milleiros de usuarios.

No transcurso da súa intervención, o presidente da Deputación tamén puxo en valor a implicación da Xunta con Ourense e afirmou que “volve demostrar con feitos, con orzamentos e con realidades que Ourense é unha prioridade absoluta”, engadindo que este tipo de actuacións “son os motores necesarios para que a provincia siga medrando, atraendo investimentos e consolidándose como un territorio competitivo e atractivo para vivir e traballar”.

Menor aproveitou ademais para repasar outros proxectos impulsados polo Goberno galego na provincia. Entre eles citou o inicio, nos vindeiros días, das obras de ampliación do polígono industrial de San Cibrao das Viñas, que sumará máis de 300.000 metros cadrados, e a próxima inauguración das últimas fases do Parque Acuático de Monterrei.

Tamén lembrou outros investimentos en infraestruturas e comunicacións, como as actuacións nas estradas OU-540, entre Celanova e Bande, e OU-533, entre A Gudiña e Viana do Bolo, así como o desenvolvemento do Plan de Sendas para fomentar unha mobilidade máis sostible.

No ámbito da vivenda, destacou a construción de 64 vivendas públicas en Cambedo de Raia e o desenvolvemento de solo para 1.400 vivendas protexidas no barrio do Vinteún. En materia social, sinalou a colaboración entre Xunta, Deputación e concellos para crear máis de 400 prazas públicas para persoas maiores en 16 municipios da provincia, ademais da futura residencia que se promoverá mediante colaboración público-privada, unha actuación que, segundo afirmou, contribuirá a converter Ourense na “mellor preparada para envellecer de todo o Estado”.

0.13246703147888