A Maleta Viaxeira contra a violencia de xénero chega a Maceda

OurenseXa
A Maleta Viaxeira contra a violencia de xénero comezou o seu percorrido en 2022 no Centro Penitenciario de Pereiro de Aguiar
Maceda recibe a Maleta Viaxeira contra a violencia de xénero
Maceda recibe a Maleta Viaxeira contra a violencia de xénero
26 sep 2024

O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, presentou este mércores no Concello de Maceda a Maleta Viaxeira (MAVI) contra a violencia de xénero, acompañado pola alcaldesa do municipio, Uxía Oviedo, e a xefa da Unidade contra a Violencia sobre a Muller da Subdelegación, Alida Iglesias.

Esta iniciativa naceu coa intención de achegar a lectura a todos os públicos e convidar á reflexión, sensibilización e concienciación en temas tan determinantes como o da violencia sobre a muller, a igualdade, os estereotipos e os roles de xénero.

A Maleta Viaxeira contra a violencia de xénero comezou o seu percorrido en 2022 no Centro Penitenciario de Pereiro de Aguiar, continuando logo viaxe polos diversos centros de información á muller (CIM) da provincia e chegando actualmente ás bibliotecas municipais dos concellos ourensáns.

Esta iniciativa da Subdelegación do Goberno en Ourense busca achegar a lectura sobre temas de feminismo, empoderamento e autoestima; fomentar o pensamento crítico; favorecer a lectura destes textos por parte de mulleres en situación de vulnerabilidade; e sensibilizar á sociedade en xeral.

Con esta finalidade, 17 libros chegaron hoxe a Maceda na Maleta Viaxeira. “Libros que sensibilizan, contan experiencias e informan en soporte literario do gran problema que supón a violencia de xénero e contra o que temos que loitar”, destacou o subdelegado durante a presentación, sen esquecerse de que se trata dun concello moi activo a nivel cultural e concienciado con esta problemática como reflexa a súa adhesión ao Plan de Prevención da Violencia de Xénero”.

Ademais, lembrou que o Ministerio de Igualdade vén de aprobar o reparto de fondos do Pacto de Estado Contra a Violencia de Xénero, “e concretamente Maceda foi beneficiado con 10.000 euros para facer actividades que axuden a previla”, explicou.

Por último, fixo fincapé no grave problema que supón a violencia de xénero. “Hai que lembrar que na provincia temos actualmente 543 casos activos e hai que seguir sempre alerta”, insistiu.

Pola súa banda, a rexedora municipal, Uxía Oviedo, mostrouse moi satisfeita porque a Maleta Viaxeira chegue a Maceda e quixo poñer en valor a todos os que fan posible iniciativas coma esta. “Agradezo o enorme traballo diario de Ana e Isa, psicóloga e asesora do CIM, pero é certo que para facer todas as actividades que se organizan ao longo do ano é fundamental que existan fondos, polo que agradecemos tamén ao Goberno de España a súa colaboración para facer actividades que poñan o feminismo no foco do debate público e que sinalen o que queda por facer na loita contra a violencia de xénero”.

Ademais, destacou a chegada de novos títulos á biblioteca municipal. “Temos unha biblioteca cunha gran cantidade de libros e estamos moi contentos de contar agora con esta iniciativa. Entre os libros da maleta podemos ver novela ilustrada, novela, ensaio... é moi importante concienciar sobre violencia de xénero e feminismo a través da cultura e da lectura, e que esta mensaxe chegue de formas tan diversas a todo tipo de público”, comentou.

0.20615601539612