A Marcha Mundial das Mulleres alza a voz contra posibles casos de violencia no IES Xulio Prieto Nespereira

GaliciaXa | OurenseXa
Piden á Inspección Educativa que tome medidas urxentes ante os casos dos que aseguran que xa existe coñecemento no instituto
marcha-mundial-das-mulleres-pancarta-ies-xulio-prieto-nespereira
9 Jun 2026

A Marcha Mundial das Mulleres levou a cabo unha acción simbólica diante do IES Xulio Prieto Nespereira, en Ourense, onde despregou unha faixa para denunciar situacións de violencia que, segundo sinalan, se están producindo no centro educativo.

A organización feminista reclama unha resposta inmediata por parte da Inspección Educativa e solicita de novo a súa intervención urxente ante os casos dos que aseguran que xa existe coñecemento no instituto. Tamén dirixen as súas demandas á Dirección Territorial e á Consellería de Educación da Xunta de Galicia.

As activistas insisten en que a súa intención é dar visibilidade a posibles situacións de violencia nos espazos educativos e evitar que queden sen resposta. Neste sentido, reclaman que se depuren responsabilidades e critican a falta de actuación ante as denuncias.

Entre as súas esixencias figuran a posta en marcha de actuacións inmediatas e eficaces, investigacións rigorosas e transparentes, medidas cautelares cando sexa necesario, acompañamento e protección ás persoas afectadas, así como protocolos claros que garantan que calquera situación de violencia machista sexa investigada e non quede sen resposta.

Durante a acción, tamén se repartiron carteis e adhesivos da campaña ás portas do centro educativo. Ademais, difundiron un número de teléfono habilitado (603 962 632) para que calquera persoa que teña coñecemento de situacións de violencia machista en ámbitos educativos poida comunicalo a través de WhatsApp.

A Marcha Mundial das Mulleres anunciou que continuará coas súas accións de presión institucional ata que, segundo indican, se adopten medidas efectivas nos casos que denuncian e noutros que poidan xurdir no marco da campaña.

0.13727998733521