A Marcha Mundial das Mulleres convoca unha nova mobilización para reclamar medidas no IES Xulio Prieto Nespereira por presuntas agresións machistas

OurenseXa
A concentración terá lugar o martes 13 diante da Inspección Educativa para esixir que o centro un espazo seguro para o alumnado
marcha-mundial-das-mulleres-pancarta-ies-xulio-prieto-nespereira
12 Oct 2026

A Marcha Mundial das Mulleres convoca para o martes 13, ás 10.30 horas, unha mobilización diante da Inspección Educativa para reclamar que o IES Xulio Prieto Nespereira sexa un espazo seguro para o alumnado.

A organización pide que o expediente de Inspección Educativa que continúa aberto conclúa coa separación do centro do persoal non docente ao que vincula coas agresións machistas denunciadas. O colectivo leva facendo seguimento do caso desde xuño, cando realizou unha primeira acción diante do propio instituto para denunciar situacións de violencia que, segundo aseguraba daquela, xa eran coñecidas polo centro.

Desde a Marcha Mundial das Mulleres consideran que o remate do curso pasado non debe supoñer o peche do asunto e que o comezo dun novo ano académico tampouco pode implicar que a situación quede sen cambios. Lembran que durante o curso anterior se fixeron públicas denuncias por presuntas agresións machistas que afectarían a un docente e a outro traballador do instituto, tras as cales se abriron expedientes. Por iso, reclaman que a Administración educativa asuma as súas responsabilidades.

Entre as cuestións sobre as que solicitan explicacións están as actuacións realizadas pola Inspección Educativa, as medidas adoptadas pola Dirección Territorial e o grao de coñecemento e intervención da Consellería de Educación. Tamén preguntan que medidas de protección se puxeron en marcha e que acompañamento recibiron as persoas afectadas, ademais de reclamar garantías para evitar que situacións deste tipo se repitan ou queden silenciadas.

O colectivo considera que a lentitude e a falta de eficacia administrativa tamén contribúen á desprotección e rexeita que as persoas que denuncian violencia teñan que afrontar en soidade as consecuencias de facelo. Por iso, mantén as súas demandas á Inspección Educativa, á Dirección Territorial e á Consellería de Educación.

Entre as medidas que reclama figuran unha actuación inmediata, sen demoras burocráticas; investigacións rigorosas e transparentes que manteñan informadas as familias; a adopción de medidas cautelares cando sexan necesarias, sen agardar á resolución dos expedientes; e un acompañamento efectivo ás persoas afectadas, especialmente cando se trata de menores. A organización tamén pide protocolos claros que establezan como actuar e como garantir a protección das vítimas.

0.15959692001343