A Marcha Mundial das Mulleres de Ourense recibirá o premio da 31ª MITEU

OurenseXa
O colectivo será distinguido polo seu labor continuado na defensa da igualdade e da xustiza social e a súa capacidade para tecer redes de solidariedade entre mulleres e organizacións de base
marcha-mundial-das-mulleres-ourense
21 Apr 2026

A Mostra Internacional de Teatro Universitario de Ourense (MITEU) recoñecerá nesta edición á Marcha Mundial das Mulleres de Ourense co seu galardón anual, en valor da súa traxectoria de “implicación, o seu compromiso, o seu activismo”, considerados especialmente relevantes no contexto actual.

O colectivo feminista será distinguido polo seu labor continuado na defensa da igualdade e da xustiza social, así como pola súa capacidade para tecer redes de solidariedade entre mulleres e organizacións de base. Entre os seus obxectivos destacan fortalecer ese movemento colectivo a nivel global, promover a igualdade entre mulleres e homes e impulsar procesos de educación popular que permitan ás mulleres analizar e afrontar as causas da súa discriminación.

A entrega do premio terá lugar no marco da 31ª edición da MITEU, que arranca este xoves 23 de abril cunha programación que inclúe unha vintena de espectáculos. A apertura contará coa Aula de Danzas do Mundo no Liceo ás 18.30 horas e coa actuación da Aula de Teatro do Campus de Ourense, co grupo Rosaura, na Praza de San Martiño ás 20.00 horas.

O festival reunirá propostas escénicas procedentes de distintos puntos, con participación internacional de países como Palestina, Portugal ou Perú, ademais de compañías de varias comunidades autónomas e de Galicia. Teatro, danza e música convivirán con outras iniciativas como o espazo “Elas contan”, así como coloquios, actividades na rúa e encontros entre participantes.

0.1228039264679