A Merca pon en marcha un Campamento de Verán para nenos e nenas de 3 a 12 anos

O Concello da Merca organizará este verán unha nova edición do Campamento de Verán 2026, unha iniciativa dirixida a nenos e nenas de entre 3 e 12 anos que combina actividades de lecer, propostas educativas e medidas de conciliación para as familias do municipio.
O programa desenvolverase durante os meses de xullo e agosto e estará estruturado en catro quendas quincenais, co obxectivo de ofrecer unha maior flexibilidade de participación. A primeira quenda terá lugar do 29 de xuño ao 10 de xullo, seguida dunha segunda do 13 ao 31 de xullo. Xa en agosto, a terceira quenda celebrarase do 3 ao 14 e a cuarta do 17 ao 28. Os menores poderán participar nunha ou en varias destas quendas.
O campamento está concibido como un espazo seguro, dinámico e inclusivo no que os máis pequenos poidan gozar do verán a través de actividades lúdicas e educativas, ao tempo que se facilita a conciliación da vida familiar e laboral.
O programa será totalmente gratuíto, condicionado á concesión da subvención do Plan Corresponsables da Xunta de Galicia.
O prazo de inscrición permanecerá até o 9 de xuño e as solicitudes deberán presentarse preferentemente a través da sede electrónica do Concello ou, de maneira excepcional, no rexistro municipal.