A Merca prepárase para unha das súas citas máis esperadas do ano coa XV Exaltación do Porco ó Espeto

A XV Exaltación do Porco ó Espeto celebrarase o vindeiro 11 de xullo de 2026 na Merca, nunha xornada que combinará gastronomía, tradición e ambiente festivo no Pavillón Municipal.
O evento dará comezo a partir das 12:00 horas e ofrecerá un xantar popular con degustación de diferentes produtos, entre eles xamón de castañas Coren, empanada, lacón, porco ó espeto, bebidas, café e bica, nunha proposta pensada para desfrutar en compañía.
A programación completarase con animación musical ao longo da xornada, que contará coa participación dun grupo de gaitas e dun DJ, co obxectivo de alongar a celebración e manter o ambiente festivo.
A organización lembra que será necesario reservar praza antes do 8 de xullo para poder asistir ao xantar popular.
A actividade está organizada pola Asociación A Peneda da Lebre e conta coa colaboración do Concello da Merca, da Deputación de Ourense e do Inorde, e busca poñer en valor as tradicións gastronómicas e culturais do municipio.