A Mesa Sectorial de Sanidade avala por unanimidade o decreto para cubrir prazas de difícil cobertura en Urxencias do CHUO

OurenseXa
A medida permitirá aplicar ao persoal de médicos de urxencias hospitalarias de Ourense as disposicións previstas na Lei 4/2026 para reforzar a estabilidade e garantir a continuidade asistencial
novo-paseo-verde-chuo
21 Jul 2026

A Mesa Sectorial de Sanidade celebrou unha reunión extraordinaria na que se abordou o proxecto de decreto para a provisión de postos de difícil cobertura da categoría de médico de urxencias hospitalarias no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO) durante o ano 2026.

O texto recibiu o respaldo unánime das organizacións sindicais con representación na mesa, que emitiron un informe favorable tras a súa votación.

Este proxecto de decreto deriva da entrada en vigor da Lei 4/2026, do 13 de xullo, que estende ao persoal da categoría de médico de urxencias hospitalarias do CHUO as medidas extraordinarias previstas na Lei 2/2022, do 6 de outubro, para facilitar a provisión de postos considerados de difícil cobertura.

Segundo se expuxo na reunión, a iniciativa impulsada polo Goberno galego busca facer fronte ás dificultades existentes para completar o cadro de persoal desta categoría no hospital ourensán. O obxectivo é garantir a continuidade asistencial e manter a calidade da atención urxente hospitalaria que se presta á poboación da provincia, ao tempo que se favorece unha maior estabilidade dos recursos humanos.

A oferta de prazas responde á necesidade de cubrir vacantes que permanecen sen ocupar debido á falta de profesionais dispoñibles, á ausencia de solicitudes no concurso aberto e permanente de traslados, ao fracaso das convocatorias de selección temporal e á persistencia das dificultades actuais para incorporar facultativos a estes postos.

0.12662792205811