A música tradicional galega viaxa por Centroeuropa da man da Real Banda de Gaitas de Ourense

GaliciaXa | OurenseXa
A formación ofreceu unha actuación en Budapest xunto a músicos húngaros que participarán na XLI Xuntanza Internacional de Gaiteiros de Monterrei
real-banda-de-gaitas-de-ourense-budapest
21 Aug 2026

A Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense, dirixida por Xosé Lois Foxo, iniciou en Budapest unha xira por Centroeuropa coa que continúa levando a música tradicional galega a escenarios internacionais e difundindo o patrimonio cultural da provincia de Ourense.

A formación ourensá ofreceu unha actuación na praza Batthyány da capital húngara ante numeroso público, nun concerto no que tamén participaron músicos de Hungría que se desprazarán proximamente a Ourense para participar na XLI Xuntanza Internacional de Gaiteiros.

A presenza da Real Banda de Gaitas en Budapest forma parte dos actos de presentación deste encontro internacional, que se celebrará os días 4 e 5 de setembro en Monterrei e que nesta edición estará dedicado á música tradicional húngara.

Durante o concerto, os 36 integrantes da agrupación interpretaron unha Suite de música galega e húngara, preparada especificamente para a ocasión como homenaxe á cultura musical do país anfitrión e como mostra dos vínculos culturais entre Galicia e Hungría.

A actuación permitiu así establecer un intercambio entre ambas as tradicións musicais e anticipar a participación dos músicos húngaros na Xuntanza Internacional de Gaiteiros que terá lugar en Monterrei.

Tras a súa estancia en Hungría, a Real Banda de Gaitas desprazarase á República Checa, onde participará no Festival Internacional de Strakonice. A formación provincial terá así unha nova oportunidade para presentar nun escenario internacional a riqueza e singularidade da tradición gaiteira galega.

A xira centroeuropea concluirá o vindeiro 24 de agosto e conta coa colaboración das embaixadas de España en Hungría e de Hungría en España, como parte do intercambio cultural que terá continuidade en Ourense coa celebración da XLI Xuntanza Internacional de Gaiteiros.

0.14388012886047