A Noite Meiga de Ribadavia volve con desfiles, mercado e pasaxe do terror

OurenseXa
A localidade ourensá despregará un amplo programa de actividades para o 31 de outubro, con pasarrúas, espectáculos itinerantes, un percorrido de terror no castelo e a tradicional queimada para pechar a xornada
Halloween 2023
Imaxe de arquivo ilustrativa
22 Oct 2026

Ribadavia vólvese converter, un ano máis, en escenario da Noite Meiga, unha das citas máis esperadas do calendario festivo do Ribeiro. A celebración, centrada no 31 de outubro de 2026, combina actividades para todos os públicos, desde propostas infantís ata espectáculos nocturnos de ambientación terrorífica, e complétase con exposicións paralelas que xa están en marcha en distintos puntos do municipio.

Na Praza Maior habilitarase un punto de información baixo o nome 'Activa-T', pensado para resolver dúbidas e orientar aos visitantes durante toda a xornada.

Exposicións previas á gran noite

Antes da data central, o municipio acolle dúas mostras vinculadas á temática do Samaín. Por unha banda, do 26 de outubro ao 1 de novembro, a Praza de Abastos exhibe unha exposición de cabazas talladas, elaboradas polo alumnado do CRA Amencer e do CEIP Plurilingüe de Ribadavia. Pola outra, o Café Bar Aljama acolle unha mostra dos carteis presentados ao concurso de 2026 relacionado coa festividade.

Un 'escape room' ambientado no roubo dunha coroa

Entre as propostas máis novidosas do programa destaca 'O Roubo da Coroa', un escape room que se desenvolverá os días 30 e 31 de outubro na Igrexa da Madalena. Ofreceranse varios pases ao longo da tarde e a noite —ás 16.00, 17.45, 19.45, 21.30 e 23.15 horas—, cun prezo de 15 euros por entrada.

A tarde do 31 de outubro, chea de actividades

A partir das 17.00 horas, a Praza Maior e a Rúa Progreso énchense de propostas simultáneas. Na Rúa Progreso instalarase o Mercado Meigo, mentres que a Praza Maior concentrará boa parte da actividade: a 'Procura Meiga', a 'Escola Feiticeiras/os' —con animación musical a cargo de Abelo Valis e a presenza do Gran Dragón e do Esqueleto Eustaquio—, o posto oficial de 'Activa-T' cos seus 'Cadeliños e Apócemas', así como as instalacións 'O Espírito dos Medos' e 'O Espello das Meigas', este último un fotomatón de temática meiga.

Xa ás 18.00 horas terá lugar 'A Marcha dos Esqueletos', un espectáculo itinerante organizado por Zeltia Eventos que partirá desde a Praza Maior. Media hora máis tarde, ás 18.30 horas, o Auditorio da Casa da Cultura acollerá a actuación do mago Xulio Merino, cunha entrada de 3 euros. A tarde péchase, ás 19.00 horas, coa actuación das 'Pandereteiras da Istoria' na Praza Maior.

A noite, con desfile, pasaxe do terror e queimada

O groso da celebración chega coa caída da noite. Ás 20.00 horas arrinca o Desfile Meigo desde a Ponte San Francisco, coa participación dos Xigantes de Ribadavia, os Cabezudiños, o Esqueleto Eustaquio, o Gran Dragón, os Tabaleiros da Istoria, 'Ollos do Terror' e outras comparsas.

Nesa mesma hora, e ata a medianoite, desenvolverase 'Pasaxe do Terror: As Sombras da Istoria' no Castelo dos Sarmiento, con acceso polo edificio do Xulgado, na Praza Maior. A entrada ten un prezo de 7 euros, o aforo é limitado e está restrinxida a maiores de 12 anos. A venda anticipada de entradas comezará o 23 de outubro a través da plataforma Anube Descanso, e tamén se poderán adquirir o mesmo día do evento, a partir das 16.30 horas, na oficina do MIT, cun máximo de catro entradas por persoa.

O programa nocturno continúa coa danza 'Donas sen Cabaleiros' ás 20.50 horas e a actuación de 'Festicultores' ás 21.00 horas, ambas as dúas na Praza Maior. Ás 22.15 horas, a fachada do castelo acollerá o espectáculo 'Fulgor', tamén a cargo de Zeltia Eventos.

Xa pasadas as 23.00 horas, os Tabaleiros da Istoria percorrerán as rúas de Ribadavia e terá lugar 'Alerta Zombi', outro espectáculo itinerante con saída desde a Praza Maior. Ás 23.15 horas, 'Festicultores' repetirá a súa actuación no mesmo escenario.

A xornada encamíñase cara ao seu peche coa tradicional queimada, que ás 00.30 horas percorrerá o traxecto desde a saída da Madalena ata o castelo, amenizada por 'As Lajartas'. Xa na madrugada, á 01.00 horas, o Club Artístico acollerá a sesión de 'DJ Meneo', que porá o ramo final á celebración.

Recomendacións para os asistentes

A organización trasladou unha recomendación sobre a vestimenta dirixida a quen non vaia acudir disfrazado de meiga, bruxo ou outro personaxe fantástico: nese caso, suxírese vestir de cor negra, un xesto simbólico para "afastar os malos espíritos".

0.16389107704163