A nova estación de tren de Ourense queda sen marquesiña
O Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (ADIF), entidade dependente do Ministerio de Transportes do Goberno de España, renuncia a instalar unha marquesiña que protexa do sol e a choiva as persoas usuarias da estación de tren do barrio da Ponte.
O goberno municipal constatouno logo de trasladarlle ao organismo ferroviario esta demanda, que entende primordial para garantir unhas condicións axeitadas de uso para as numerosas persoas que cada día acoden a estas instalacións, nas súas viaxes, e se vén expostas ás inclemencias climatolóxicas (sol e chuvia) durante as súas esperas, e para o colectivo de taxistas que presta servizo na estación.
Explica o goberno municipal que “a pesar da boa disposición, na reunión que mantivemos cos responsables da zona Norte da entidade pública do Ministerio de Transportes e Mobilidade, tampouco se lle deu a autorización a que o Concello acometese as obras”.
Detallan a este respecto que "o motivo esgrimido por ADIF é que a entidade, polos seus tempos burocráticos, tardaría non menos de 2 anos en rematar a obra dunha marquesiña para a chaira da estación. Tendo en conta que as obras de construción dunha nova estación de tren comezarán en poucos meses, ADIF entende que non procede abordar a obra solicitada, nin por eles mesmos nin por parte do propio Concello”.
ADIF resérvase este espazo, que é da súa propiedade, polo que tampouco contempla a posibilidade de que o autobús municipal entre na explanada da estación ou que se instalen postos de turismo na súa superficie. Tamén sinalaron que non era posible atender a demanda do Concello respecto á posibilidade de liberar prazas de aparcamento no primeiro andar do aparcadoiro que actualmente ocupan na súa meirande parte os vehículos das empresas de alugueiro.