A nova oficina turística da Casa do Lagoeiro supuxo un investimento de preto de 300.000 euros

OurenseXa
A intervención da Casa do Legoeiro, na Ponte Romana, supuxo a remodelación dun inmoble histórico que ofrece un espazo de 200 metros
Apertura da nova oficina de turismo de Ourense
9 Jul 2024

A Xunta de Galicia vén de reforzar a actividade turística de Ourense coa apertura da nova oficina de turismo da cidade e cunha nova inxección económica que permitirá diversificar e especializar a oferta da provincia. O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, e o delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, visitaron este luns as instalacións da nova oficina de Turismo da Xunta na cidade tras rematar os traballos de rehabilitación do edificio que a acolle, a Casa do Legoeiro, na Ponte Romana, onde a Xunta investiu preto de 300.000 euros.

Como explicou, trátase dunha infraestrutura “estratéxica”, que mudou a sede da rúa Concello á Ponte Romana, ao pé da Vía da Prata, e que permitirá “dar un salto cualitativo para facilitar e mellorar a atención daqueles que visitan esta cidade, que cada vez son máis”, salientou. Neste sentido, referiuse aos máis de 52.000 viaxeros que acolleron os hoteis e pensións da cidade nestes primeiros cinco meses do ano, o que supón un incremento do 3% con respecto ao ano pasado. “E a demanda turística, con máis de 95.000 noites é a mellor deste que temos rexistros”

Tamén fixo mención á crecente internacionalización da cidade xa que o turismo internacional medrou en Ourense un 29% e acadou os mellores niveis da historia con preto de 16.000 noites. Do mesmo xeito salientou a importancia dos peregrinos para a cidade de Ourense, que realizan a Vía da Prata e que este ano foron máis de 4.600 os que recolleron a Compostela tras realizar este itinerario, o que supón un incremento do 19% con respecto ao ano anterior.

A nova oficina de turismo xa está aberta ao público. A intervención da Casa do Legoeiro supuxo a remodelación dun inmoble histórico que ofrece un espazo de 200 metros. O edificio conta con dous andares, un mostrador de recepción ao público, despachos para a área termal e unha sala de exposicións, ademais dun xardín exterior, almacén e baño.

Ademais de funcionar para a atención e información aos visitantes, tamén está previsto dinamizala con exposicións para poñer en valor recursos turísticos da provincia como o termalismo, entroido, gastronomía, artesanía, posta en valor de produtos amparados polo selo Galicia Calidade ou destinos como a Ribeira Sacra, entre outras

0.11341595649719