A Oficina Termal AVE de Ourense abrirá as súas portas en febreiro

OurenseXa
Trátase da primeira oficina de información sobre termalismo instalada nunha estación AVE en España
Estación de tren de Ourense
Estación de tren de Ourense
8 Feb 2025

A Deputación de Ourense, a través da súa Área de Benestar, ultima a apertura da primeira oficina de información sobre termalismo instalada nunha estación AVE en España. Este novo servizo para a cidadanía é posible tralo acordo realizado con ADIF.

Despois de completar os trámites administrativos solicitados por ADIF, dende a institución provincial xa se traballa no deseño, contido e  adecuación do espazo, situado na propia entrada principal da estación (con acceso dende o vestíbulo central da infraestrutura ferroviaria).

Este mes de febreiro abrirá  Oficina, coincidindo co recente  inicio do prazo de presentación de solicitudes ao Programa de Termalismo social provincial 2025, un dos elementos centrais de promoción sobre os que haberá todo tipo de información nas novas instalacións.

Primeiro Punto sobre Termalismo nunha Estación AVE

Noutras estacións de tren existen xa puntos de información turística xeneralistas, pero no caso de Ourense será o primeiro especializado nos balnearios da provincia e no programa de termalismo social provincial.

A Oficina Termal AVE que abrirá este mes será completamente dixital e terá un horario de apertura idéntico á propia estación, de 6:30 a 23:30 horas, estando aberta ao público un total de 17 horas diarias.

Oficina experimental durante un ano e medio

A nova oficina termal será unha oficina experimental cun prantexamento inicial de permanecer aberta 18 meses. Durante este período, realizaranse varias avaliacións intermedias para analizar se a Oficina cumpre os seus obxectivos.

A Oficina Termal será un espazo por e para os balnearios da provincia, e cuxo obxectivo é que as milleiras de persoas que anualmente pasan pola nosa estación de tren teñan á súa disposición información termal. Ademais, preténdese que os usuarios poidan acceder a promocións e, sobre todo, asocien a alta velocidade ferroviaria como posibilidade de mobilidade e proximidade aos balnearios de Ourense.

Estratexia de promoción cruzada

Coa apertura da Oficina, a Área de Benestar dará inicio a unha nova fase da estratexia colaborativa entre o organismo provincial e os balnearios da provincia, unha posibilidade que estará aberta a acordos de colaboración con outros axentes públicos ou privados.

O prantexamento é que entre un determinado recurso turístico provincial e os balnearios se faga unha promoción cruzada. Deste xeito, nos balnearios promocionaríase o recurso, ao que se engadiría unha promoción conxunta dende a Oficina Termal. E no mesmo recurso, promocionaríanse os balnearios. A esta estratexia de promoción cruzada únese a propia difusión conxunta dende a Oficina Termal.

0.1710000038147