A orde de equipamento para protección civil da Xunta beneficia a preto de 30 concellos ourensáns

OurenseXa
No conxunto da provincia de Ourense benefícianse 29 entidades, que recibirán material que representa un investimento superior aos 163.000 euros
Protección civil, Muíños
Protección civil, Muíños
21 Nov 2024

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, visitou hoxe a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil (AVPC) de Muíños, un dos concellos beneficiados pola orde equipamentos de emerxencias aos concellos de menos de 50.000 habitantes, mancomunidades e agrupacións de municipios galegos que conten con agrupacións de Protección Civil. No conxunto da provincia de Ourense benefícianse 29 entidades, que recibirán material que representa un investimento superior aos 163.000 euros.

Así, ao abeiro desta liña de axudas, Muíños, recibe unha tenda de campaña para emerxencias. Cédeselles este mesmo material a O Bolo, Larouco, Laza, Maside, A Mezquita, Porqueira e Sandiás. Pola súa banda, Baltar, A Bola, Calvos de Randín, Entrimo e a Mancomunidade do Ribeiro disporán de remolques para a atención ás emerxencias. A maiores, Baños de Molgas, Cualedro/Monterrei, Manzaneda, Petín, Sarreaus, Verín, Vilar de Barrio e Xinzo de Limia terán kits de ferramentas eléctricas e Allariz, Barbadás, O Carballiño, Cortegada/Padrenda, Maceda, Mancomunidade de Terras de Celanova, A Pobra de Trives e Ribadavia kits de material loxístico de seguridade viaria.

No conxunto de Galicia son 87 os municipios beneficiarios da medida, á que o Goberno galego destina máis de 400.000 euros cofinanciados polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do Programa operativo Feder-Galicia 2021-2027. Segundo indicou o director xeral, esta liña de axudas enmárcase no compromiso do Goberno galego con estas entidades, ás que presta apoio tanto para o seu funcionamento como para equipamento.

Preto de 500.000 euros investidos en Muíños

Concretamente a agrupación de Muíños, que conta con case un cento de efectivos, recibiu nos últimos anos achegas para a actividade que suman case 25.000 euros e dotacións presupostadas en máis de 434.000 euros. Entre estas figuran embarcacións, furgóns remolques, equipo de excarceración, desfibrilador e esparellador de sal, entre outras.

A orde de equipamento, cuxa resolución se publicou a comezos de mes no Diario Oficial de Galicia, forma parte das actuacións da Xunta dirixidas a dotar do material necesario aos concellos con servizos de protección civil e emerxencias, pese a que estes son competencia local -dos concellos de máis de 20.000 habitantes e das deputacións provinciais nos municipios de menor poboación-, de maneira que poidan levar a cabo a súa actividade con eficacia e seguridade. Así, as diferentes liñas de axuda coas que contan supuxeron un investimento superior aos 24 millóns de euros nos últimos anos.

Este financiamento permitiulles reforzar o seu equipamento coa adquisición de novos vehículos, equipos de protección individual e ferramentas tecnolóxicas avanzadas a prol da capacidade operativa e a seguridade do persoal voluntario. A isto súmase unha liña anual de axudas destinada ao mantemento da súa actividade, que ascende a 340.000 euros e que só este ano beneficiou preto de 200 colectivos.

A formación é outro dos piares do apoio do Goberno galego ás AVPC, con cursos específicos impartidos a través da Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp). Ao longo do último ano houbo case un cento de accións formativas nas que participaron 2.000 persoas.

0.15855097770691