A Orquestra Clásica de Vigo dará un concerto de Nadal no Auditorio Municipal de Ourense

OurenseXa
A cita está organizada dende a UVigo e será totalmente gratuita ata completar o aforo
Orquestra Clásica de Vigo
Orquestra Clásica de Vigo
6 Dec 2024

Cada ano, a Universidade de Vigo organiza o seu tradicional Concerto de Nadal nun dos seus tres campus, e neste 2024 será a quenda de Ourense. O evento terá lugar o xoves 12 de decembro ás 20:00 horas no Auditorio Municipal, coa participación da Orquestra Clásica de Vigo, acompañada polo violonchelista Álvaro Lozano como solista, e os coros infantil e adulto do campus de Ourense. A entrada será gratuíta ata completar aforo.

Este concerto é unha iniciativa da Vicerreitoría de Extensión Universitaria da UVigo. A súa vicerreitora, Susana Reboreda, destacou que o propósito do evento é “celebrar, a través da linguaxe universal da música, o peche dun ano e recibir o 2025 con esperanza e entusiasmo”. Ademais, subliñou que esta actividade permite crear un espazo de conexión entre a comunidade universitaria e a sociedade, aliñándose co compromiso da vicerreitoría de amosar que a universidade cumpre unha misión cultural que trascende os seus muros.

A Orquestra Clásica de Vigo, a máis antiga de Galicia, conta con máis de catro décadas de historia, marcadas polo seu espírito innovador e o seu enfoque interdisciplinario. Ao longo da súa traxectoria, colaboraron con ela máis de 800 instrumentistas galegos e 160 solistas. Desde a súa fundación, está dirixida por Manuel Martínez Álvarez-Nava, catedrático de violín do Conservatorio Superior de Música de Vigo.

Nesta edición do Concerto de Nadal, a obra central será do compositor austríaco Franz Joseph Haydn. Como novidade, sumaranse á interpretación o Coro Universitario do Campus de Ourense (CUCO), dirixido por Ruth González, e o Coro Infantil do Campus de Ourense (Cuquiños), baixo a dirección de Víctor Vicente Fernández.

⚙ Configurar cookies
0.54074883460999