A ourensá Leire Carrera regresa do Open Internacional de Génova de Jiu Jitsu con dúas medallas

OurenseXa
Logrou a medalla de prata na categoría de loita e a de bronce en Ne Waza
Guillermo Arenas, Leire Carrera e Felipe Iglesias
Guillermo Arenas, Leire Carrera e Felipe Iglesias
3 Feb 2025

Os jiujitsukas do Judo Club Marbel Leire Carrera e Guillermo Arenas participaron no Open Internacional de Génova de Jiu Jitsu 2025 en categoría sénior e junior (sub 21), que se disputou entre os días 31 de xaneiro e 2 de febreiro en Xénova (Italia). Unha proba que supuxo o comezo oficial da tempada.

Guillermo competiu na categoría sénior de Loita -69 quilos e Leire fixo dobrete en Loita e Ne Waza (loita restrinxida ao chan) sub 21 de -57 quilos.

Carrera foi a membro número seis do club ourensán en participar nun campionato internacional, e tivo un debut “glorioso”, segundo cualifican desde o propio club, xa que obtivo a medalla de prata en Loita e a de bronce en Ne Waza. Todo un éxito para a delegación ourensá, completado co noveno posto de Guillermo na súa primeira aparición na categoría absoluta.

Na categoría de Loita, a jiujitsuka do Marbel só quedou por detrás da italiana e anfitrioa, Rosella Gravina. Na de Ne Waza, despois da campiona, tamén italiana, Eleonora Viazzo, e da alemá Helena Koesling.

O seu adestrador no Judo Club Marbel, o subcampión mundial e seleccionador galego Felipe Iglesias, valorou a participación ourensá como “excepcional e histórica”.

A competición disputouse no Palasport de Génova, situado no barrio do Foco, ás beiras do río Bisagno, un recinto con capacidade para case 15.000 persoas.

0.14796280860901