A Pasarela Solidaria de Allariz: unha iniciativa de dúas amigas para concienciar sobre a investigación contra o cancro

OurenseXa
Teresa Quinta, organizadora e impulsora deste evento solidario xunto a Olga Ferreiro, conta como foi evolucionando esta iniciativa que o ano pasado logrou recadar máis de 3.400 euros para a Asociación Española Contra o Cancro
pasarela-solidaria-allariz
13 May 2026

Allariz prepárase para celebrar a terceira edición da Pasarela Solidaria, un evento que naceu hai tres anos da man de dúas amigas, Teresa Quinta e Olga Ferreiro, e que o ano pasado logrou recadar máis de 3.400 euros.

Promovida pola cidadanía e co apoio do tecido comercial local, o evento, que se celebra este venres ás 19:00 horas no Hotel Eurostars Vila de Allariz, combina moda e solidariedade co obxectivo de recadar fondos para apoiar a Asociación Española Contra o Cancro. Falamos con Teresa Quintana, que nos explica como xurdiu a idea de promover esta iniciativa.

Como xurdiu a idea de facer a pasarela solidaria?

Isto comezou hai dous anos porque unha amiga, Olga Ferreiro, estaba a pasar por un cancro e estaba a recibir tratamento de quimioterapia. Xa se sabe que as quimios son bastante complicadas, e a min ás veces ocórrenseme ideas un pouco tolas, como é o caso. En parte tamén porque no meu contorno hai moita xente que ten ou tivo cancro. Entón, de súpeto pensei: “Ostras, poderiamos facer algo diferente en Allariz, involucrar o comercio e así tamén mobilizar, dinamizar e establecer vínculos entre os comercios”. Olga animouse enseguida, e tamén lle serviu para distraerse un pouco de todo o que estaba a pasar. Así naceu un pouco esta iniciativa entre dúas amigas que non estabamos nun momento moi alá.

Ao principio organizámolo nun mes, foi unha loucura, porque había que implicar moita xente: comercios, voluntariado, modelos, maquillaxe e perruquería… movíase moitísima xente. Pero gustou moito e decidimos tomalo máis en serio. De feito, agora xa creamos unha asociación sen ánimo de lucro para poder xestionalo todo desde aí.

Por que unha pasarela?

Porque eu son deseñadora e teño un atelier de costura en Allariz. Aínda que o tema da pasarela como tal nunca me gustou especialmente, pensei que era unha boa idea para dar visibilidade ao comercio. Ademais, en Allariz hai moitos comercios e era unha maneira de amosar o produto que teñen.

Como se involucran os comercios?

Cada un de distinta forma. Hai comercios que non venden roupa, pero participan igualmente. A idea é mobilizar moita xente e que se vexa todo o que se fai en Allariz: desde baile, cunha escola que sempre participa, ata perruquería, maquillaxe, cultura e outros colectivos. Por exemplo, contamos con perruquería, maquillaxe e tamén con distintos profesionais que colaboran cada ano de forma desinteresada. Tamén participan asociacións e incluso este ano temos un DJ novo e, por suposto, a xerencia do espazo onde o facemos, que nos está a axudar moito. Ao final, cada quen achega o seu traballo e entre todos conseguimos facelo posible.

Canto tempo leva organizar un evento destas características?

O primeiro organizámolo nun mes, pero iso non se pode repetir así. Normalmente, cando rematamos unha edición, xa empezamos a pensar na seguinte. Despois de cada pasarela analizamos como foi, que cousas se poden mellorar, preguntamos á xente a súa opinión e vemos ata onde podemos chegar o ano seguinte. Sempre tentamos mellorar. Agora xa estamos a pensar en ideas para o ano que vén.

Que visión de futuro tedes para a pasarela?

Queremos que sexa un evento, por unha banda, para dar visibilidade ao comercio, pero tamén de concienciación. Gustaríanos incluír contidos como foros ou mesas de debate e concienciar sobre a importancia da investigación, da sanidade pública e de valorar todo o que se fai.

Tamén poñemos en valor a artesanía galega; cada ano convidamos artesáns. Por exemplo, o ano pasado estivo Álvaro Leiro, que fixo unha recreación de corozas, investigando tradicións de Galicia e do norte de Portugal. Este ano veñen os rapaces de Madejas Tejerlo, que traballan con tintes naturais na la, tecen e imparten cursos e obradoiros. A idea é recuperar e poñer en valor cousas que estaban algo esquecidas.

Que outras liñas de futuro se valoran?

A pasarela está pensada principalmente para colaborar coa Asociación Española Contra o Cancro, pero tamén queremos estudar outras actividades para apoiar distintos colectivos. Por exemplo, dar visibilidade a asociacións de fibromialxia ou de autismo, entre outras. De entrada naceu así, e agora queremos estabilizala e ir facendo máis cousas pouco a pouco.

Como se fai a recadación de fondos?

A forma de recadación é mediante entradas de 2 euros. O ano pasado recadamos arredor de 3.400 euros e o anterior uns 2.000 e pico. Non son cantidades moi grandes, pero todo axuda. O importante é entender que mesmo pequenas achegas teñen valor e poden sumar moito cando se xuntan. A verdade é que este ano temos boas perspectivas e esperamos superar o ano pasado. Encargamos unhas 2.500 entradas e agardamos que se vendan todas.

Que podemos esperar desta edición?

Pois, ademais dos desfiles, haberá música en directo coa Escola de Música de Allariz, que acompañará as modelos. Tamén haberá sorteos presenciais e sorteos en liña, que se publicarán ao día seguinte e os premios poderanse recoller nos negocios que colaboraron. Como peche, haberá unha colaboración sorpresa de Teresa Quintana e Arturo Andrade e tamén participarán diferentes artistas, actuacións de baile e outras propostas culturais. Será unha xornada completa, de aproximadamente dúas horas ou dúas horas e media, bastante intensa. Ademais, o espazo onde se realiza é un lugar moi bonito, xunto ao río.

0.15126490592957