A Peroxa acollerá a proxección da película ‘Barbie’ no Auditorio Municipal o 20 de xuño

O Auditorio Municipal da Peroxa será escenario o vindeiro sábado 20 de xuño, ás 21:00 horas, da proxección da película Barbie, nunha actividade enmarcada nas accións promovidas a través do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero.
A cinta, estreada en 2023 e dirixida por Greta Gerwig, é unha comedia fantástica con elementos satíricos baseada na coñecida liña de bonecas de Mattel. Trátase da primeira adaptación en imaxe real do personaxe tras numerosas producións de animación.
A historia céntrase na viaxe de Barbie e Ken, interpretados por Margot Robbie e Ryan Gosling, respectivamente, que tras vivir en Barbie Land inician unha etapa de descubrimento persoal no mundo real. Ao longo do filme enfróntanse a unha crise existencial que marca o desenvolvemento da trama. O reparto complétase con nomes como America Ferrera, Michael Cera, Kate McKinnon, Issa Rae, Rhea Perlman e Will Ferrell, entre outros intérpretes.