A piques de rematar a primeira fase da rehabilitación da casa de Ben Cho Shey en Pereiro de Aguiar
A primeira fase da rehabilitación da casa de Ben Cho Shey está a piques de rematar, tal e como confirmou o alcalde de Pereiro de Aguiar, Luis Menor, a través dun comunicado no que lembra que a intervención é posible grazas a unha inversión de 40 mil euros por parte do Concello e da Deputación de Ourense.
Os traballos realizáronse logo de que o inmoble fose adquirida polo Concello de Pereiro de Aguiar e deseñada a súa rehabilitación para converterse nun lugar de exposición da vida e obra do insigne mestre e da súa obra, tal e como explica Menor.
O alcalde destaca que este “é un dos proxectos culturais mais importantes que se están levando actualmente a cabo no concello de Pereiro de Aguiar”. Alí, Xosé Ramón Fernández Oxea, máis coñecido como Ben Cho Shey, residiu durante máis dunha década, onde deu clases na escola de nenos de Caspiñón, en Santa Marta de Moreiras, e onde escribiu a súa monografía homónima, na que facía un rigoroso estudo da realidade desta parroquia.
“Dende o Concello, coa colaboración da Deputación provincial, traballamos para recuperar o seu legado e así mercouse a casa e fíxose un proxecto de rehabilitación para convertela nun lugar de referencia para o coñecemento e difusión do autor e da súa gran obra”, explica Menor.
As obras, explica, consistiron fundamentalmente no saneamento do inmoble, a impermeabilización do mesmo e a dotación dos servizos esenciais, así como a creación de espazos diáfanos onde se poida levar a cabo esa labor de exposición da súa vida e obra.