A piscina de Tecnópole abre este domingo cunha xornada gratuíta

O Parque Tecnolóxico de Galicia Tecnópole abrirá ao público a súa piscina descuberta o vindeiro domingo, 14 de xuño, co inicio oficial da tempada de verán, que se prolongará ata o 30 de agosto.
Como é habitual na xornada inaugural, a entrada será gratuíta para todas as persoas usuarias durante ese primeiro día. A partir de entón, o acceso ás instalacións terá un custo de 2 euros, podendo aboarse tanto en efectivo como con tarxeta. A piscina funcionará todos os días da semana, en horario continuado de 12.30 a 20.30 horas.
O vaso principal conta con 25 metros de lonxitude e 12,5 metros de ancho. Ao seu carón dispón dunha ampla zona axardinada, con céspede natural, pensada para o descanso, así como espazos habilitados para a colocación de parasois e hamacas.
Ademais da piscina, o recinto deportivo de Tecnópole mantén abertas outras instalacións de uso público. Entre elas inclúense unha pista polideportiva ao aire libre, equipada con porterías e catro canastras de baloncesto, de acceso libre e sen custo, así como dúas pistas de tenis.
Estas últimas poden reservarse por horas, de forma presencial ou chamando ao teléfono 988 368 161, cun prezo de 2 euros por uso. Con esta oferta, o parque reforza a súa programación deportiva e de lecer para os meses de verán.