A piscina municipal de Barbadás abrirá o 13 de xuño tras a posta a punto das instalacións

OurenseXa
O Concello informa de que se están a ultimar os detalles para proceder á apertura do recinto de cara á nova tempada de verán
piscina-municipal-barbadas
28 May 2026

A piscina municipal de Barbadás abrirá ao público o vindeiro venres 13 de xuño, unha vez completados os traballos de preparación e revisión das instalacións previos ao inicio da tempada estival.

Desde o Concello explican que nestes días se están a ultimar os últimos detalles para garantir o correcto funcionamento do recinto. Entre as actuacións realizadas inclúense melloras no céspede das zonas arredor dos vasos, así como a revisión do pavimento co obxectivo de minimizar riscos de esvaramentos.

Tamén se está a traballar na posta a punto dos sistemas de depuración e filtración da auga, xunto coa substitución dos equipos de bombeo para incrementar a capacidade de filtrado e mellorar o rendemento das instalacións.

No que respecta ao acceso, as entradas diarias e os abonos deberán tramitarse a través da aplicación móbil, como en anos anteriores. No caso de que algunhas persoas teñan dificultades para realizar o proceso, poderán acudir á taquilla da piscina, onde recibirán asistencia para a xestión.

Por outra banda, o Concello avanza que os vestiarios serán obxecto dunha reforma na próxima tempada, actuación que se levará a cabo grazas a unha subvención concedida pola Xunta de Galicia.

0.11986613273621