A pista de atletismo de Monterrei loce completamente renovada tras un investimento de máis de 400.000 euros

A Xunta de Galicia reforzou a área deportiva do Complexo Deportivo de Monterrei cun investimento superior aos 400.000 euros destinado á renovación da pista de atletismo, situada no municipio do Pereiro de Aguiar.
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, visitou hoxe as instalacións acompañado polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo. Durante a visita, destacou que a actuación permitiu adaptar a infraestrutura aos estándares esixidos pola Real Federación Española de Atletismo, acadando así a súa homologación oficial.
Os traballos incluíron a substitución do pavimento da pista e a adecuación das instalacións para cumprir coa normativa vixente. Estas melloras súmanse ás realizadas nos últimos anos no complexo, que xa contaba con outras infraestruturas deportivas como pistas de tenis e pádel, unha cancha polideportiva ou unha zona de pump track.
Segundo explicou Calvo, esta actuación completa un investimento anterior de máis dun millón de euros executado en 2021 para modernizar a área deportiva. Ademais, o proxecto global no recinto inclúe tamén o desenvolvemento do parque acuático, no que se levaron a cabo diferentes fases entre 2023 e 2024 con novas piscinas, zonas de xogo e atraccións.
En conxunto, o Goberno galego leva destinados arredor de 9 millóns de euros á mellora do complexo, nunha actuación desenvolvida en colaboración coa Deputación de Ourense, que ten pendentes as seguintes fases do parque acuático. Entre elas figuran novas instalacións como tobogáns, un parque multiaventura e espazos de lecer.
De cara á próxima tempada estival, a Xunta tamén licitou por preto dun millón de euros a xestión integral do recinto, coa previsión de contratar máis de 70 persoas para labores de socorrismo, atención sanitaria, mantemento, limpeza e outros servizos.
Durante a súa intervención, o conselleiro subliñou a relevancia deste espazo como punto de referencia para o lecer e a práctica deportiva en Galicia, ao tempo que reiterou o compromiso do Executivo autonómico co impulso de infraestruturas que favorezan hábitos saudables: “constitúe un dos principais espazos de lecer familiar e para a práctica de actividade física da comunidade e demostra o compromiso da Xunta coas infraestruturas deportivas que permitan o fomento do deporte entre a poboación, neste caso aproveitando o espazo natural da contorna”.