A Plataforma Defensa Animal pide a Jácome que non empregue animais nas cabalgatas deste Nadal

OurenseXa
A entidade reclama tamén aos grupos da oposición que impulsen unha moción para rexeitar esta práctica e asegura que aínda hai tempo para modificar a organización das próximas cabalgatas
renos-cabalgata-ourense
20 Jul 2026

A Plataforma Defensa Animal volve solicitar ao alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, que este ano non recorra ao uso de animais nas cabalgatas de Nadal e de Reis. A organización tamén trasladou un correo electrónico ao resto de grupos políticos municipais para pedirlles que acaden un acordo que permita aprobar unha moción en contra deste tipo de espectáculos.

A entidade, de carácter antiespecista, considera que os animais non deben empregarse como elemento de entretemento debido ao sufrimento que, ao seu xuízo, lles provoca participar en eventos multitudinarios marcados polo ruído, a iluminación intensa e un ambiente que cualifican de hostil. Ademais, advirten de que a presenza de animais nestes actos pode derivar en accidentes.

Nun comunicado, a plataforma critica “a mala imaxe” que, segundo sostén, proxecta Ourense desde hai tempo por cuestións deste tipo. Tamén mostra a súa preocupación polo feito de que estas actividades estean dirixidas ao público infantil e defende que as administracións deberían fomentar entre a infancia a empatía cara aos animais e a concienciación sobre o coidado do medio ambiente.

O portavoz da entidade, Diego Nevado, afirma: “É difícil comprender cal é o verdadeiro interese en seguir explotando aos animais, transmitindo uns valores nefastos á infancia, unha mala imaxe da cidade e xerando inseguridade, pois cada vez son máis os concellos que apostan polo talento humano sen necesidade de provocar sufrimento e conseguindo que os nenos e nenas o pasen de marabilla. Outra opción sería que as persoas se disfrazasen de animais”.

Desde Defensa Animal lembran que aínda existe marxe para realizar os trámites necesarios e evitar que nas próximas celebracións do Nadal haxa animais participando nas cabalgatas da cidade.

A petición da plataforma conta co respaldo da bióloga Rosa Más, que considera que este tipo de espectáculos transmiten unha mensaxe equivocada sobre a relación entre as persoas e os animais.

“O uso de animais en espectáculos reforza a aberrante postura supremacista humana, fomentando a idea de que é correcto dominar e controlar a outros animais, obviando por completo os seus intereses. Ningún animal sente o máis mínimo apego por participar nunha aglomeración humana acompañada de ruídos e luces estridentes, unha situación que supón un grande estrés para todos eles”, explica. Ademais, engade que coa utilización de animais nestes eventos “non se promove o entendemento entre o ser humano e o animal, senón a súa obediencia e submisión como obxectos ao noso servizo”.

A experta tamén sostén que os animais non experimentan diversión neste tipo de actividades. “Neste tipo de actividades, os demais animais senten medo ou resignación; non desfrutan nin lles supón motivo ningún de diversión. Para xustificar o uso de animais como obxectos de entretemento introdúcense conceptos falaces como o ‘benestar animal’, baseado en cinco ‘liberdades’: libres de fame e sede, de medo e angustia, de incomodidade física ou térmica, de dor e enfermidade, e con capacidade para expresar o seu comportamento natural, proporcionándolles auga, alimento, refuxio, atención veterinaria e un espazo axeitado”, explica.

A plataforma lembra igualmente que cada ano se difunden imaxes de incidentes ocorridos en cabalgatas de diferentes puntos de España, algúns deles con consecuencias graves para os animais.

Na mesma liña, Rosa Más sinala que “o ambiente alleo e hostil que representa calquera espectáculo humano para eles tradúcese en medo, angustia, incomodidade, dor e na imposibilidade absoluta de realizar calquera comportamento natural. Os animais son cosificados, tratados como cromos intercambiables, como mercadorías, sen o máis mínimo respecto nin consideración polos seus intereses máis básicos”, ao tempo que lembra que a ciencia “xa achegou unha abafadora evidencia sobre as capacidades emocionais e sociais dos demais animais e, aínda máis importante, sobre a ética máis básica, que debería levarnos a empatizar coas demais especies animais”.

Como conclusión, a Plataforma Defensa Animal insta ao alcalde de Ourense a deixar de utilizar animais nas cabalgatas atendendo á evidencia científica sobre a súa capacidade de sentir. Ao mesmo tempo, solicita aos grupos da oposición que se unan para sacar adiante unha moción nesta dirección e que traballen para impulsar esta proposta desde unha perspectiva abolicionista.

0.1332688331604