A plataforma ProCAPD convoca mañá unha manifestación para esixir a xestión pública do CAPD de Ourense
A Plataforma ProCAPD convoca unha concentración o vindeiro xoves 9 de xaneiro, ás 20.00 horas, fronte á Casa de Chocolate. O obxectivo é reivindicar a xestión pública e directa do futuro Centro de Atención a Persoas con Discapacidade de Ourense. A Plataforma expresa o seu rexeitamento á mercantilización dos servizos para persoas con discapacidade e solicita que, do mesmo xeito que acontece nos CAPD do resto de Galicia, a atención sexa prestada por persoal da Xunta de Galicia.
A manifestación conta x co apoio do grupo provincial socialista, que fai un chamamento á veciñanza a acudir á mobilización para esixir que futuro Centro de Atención a Persoas con Discapacidade (CAPD) de Ourense sexa de xestión 100% pública.
As protestas responden ao anuncio feito pola conselleira de Política Social, Fabiola García, quen anuncio a decisión de licitar a xestión do CAPD entre entidades sen ánimo de lucro. “Tal decisión implica unha externalización na xestión inédita para este tipo de centros en Galicia, evidenciando a deslealdade do PP con Ourense”, denuncia o voceiro socialista na Deputación, Álvaro Vila.
Para este, “non se entende que o PP provincial acepte e xustifique a decisión proclamada pola conselleira, xa que no Pleno da Corporación Provincial do mes pasado absolutamente todos os grupos con representación na Deputación apoiamos unha iniciativa para ratificar a xestión pública e directa do CAPD de Ourense”, subliña Vila.
A Moción foi subscrita o 20 de decembro por PP, PSdeG-PSOE, BNG e DO, aliñándose “co desexo expresado pola sociedade ourensá, en xeral, e polas familias das usuarias e usuarios, en particular”. Luís Menor, presidente provincial do PP, fincou mesmo a necesidade que “o Centro teña unha xestión pública directa (...) por coherencia co que ocorre no resto de Galicia”.
Agravio comparativo con Ourense
“Ourense merece un CAPD público e xestionado directamente pola Xunta, ao
igual que os das outras provincial galegas”, afirma Vila. Desde o Grupo Provincial Socialista poñen o acento nun “agravio comparativo flagrante, que reforza a percepción dun trato desigual cara a nosa provincia por parte da Xunta coa aquiescencia do PP ourensán”.
“Os CAPD existentes en Pontevedra, A Coruña e Lugo son xestionados directamente polo goberno autonómico a través da Consellería de Política Social, sendo o seu modelo eminentemente público o estándar, mentres que para Ourense resérvase un modelo externalizado, que representa unha discriminación clara cara a nosa provincia”, explica o voceiro do PSdeG-PSOE.
Para este, “non é admisible que o CAPD de Ourense sexa o único que non funcione con persoal público, dependente directamente da Xunta”. “Estamos á total disposición das familias de afectadas e afectados, e seguiremos traballando e loitando ao seu carón ata que consigamos un Centro de xestión pública directa que cubra as necesidades da provincia”, conclúe Vila.