A Praza Maior do Carballiño reunirá preto de 2.000 persoas na Festa das Camisetas

OurenseXa
Arredor de 90 peñas participarán no concurso da 64ª Festa do Pulpo, que premiará os tres deseños máis destacados e contará con música de DJ Tibu e Batucarba
festa-das-camisetas-o-carballiño
7 Aug 2026

O Carballiño celebrará mañá unha nova edición da Festa das Camisetas, unha das actividades tradicionais vinculadas á Festa do Pulpo e unha das citas con maior participación dentro da programación. Neste ano, preto de 2.000 persoas integradas en arredor de 90 peñas formalizaron a súa inscrición no concurso de camisetas.

A actividade desenvolverase na Praza Maior a partir das 18.00 horas. Ata este punto achegaranse as diferentes agrupacións participantes, integradas por familias, grupos de amizades, asociacións culturais e lúdicas e outros colectivos sociais. Alí poderán exhibir os deseños elaborados para a ocasión e participar no photocall habilitado polo Concello para realizar as fotografías oficiais de cada grupo.

A valoración das propostas correrá a cargo dun xurado presidido polo concelleiro de Turismo e composto tamén por unha persoa representante de cada peña. O fallo darase a coñecer a partir das 20.00 horas e determinará as tres camisetas gañadoras desta edición.

A peña que obteña o primeiro posto recibirá un premio de 300 euros, mentres que a segunda clasificada obterá 200 euros e a terceira, 100 euros.

Á marxe destes galardóns, as peñas que cumpran as condicións establecidas nas bases terán dereito a percibir 60 euros. Esta compensación estará condicionada ao crédito dispoñible e, se este resulta insuficiente para atender todas as solicitudes, a asignación realizarase seguindo a orde na que se efectuaron as inscricións.

A programación da Festa das Camisetas completarase coa ambientación musical de DJ Tibu e Batucarba durante a celebración.

0.13263583183289