A Primavera na Mocidade de Allariz comeza este xoves

OurenseXa
A programación de primavera da Casa da Mocidade do Concello de Allariz arranca este 21 de marzo e durará ata mediados de xuño
UXIA E CARLOS MOCIDADE ALLARIZ
Presentación da Primavera na Mocidade, Concello de Allariz
17 mar 2024

Como é habitual a Casa da Mocidade de Allariz, oferta actividades para todos os públicos ata completar capacidade, priorizando sempre a mocidade entre 13 e 33 anos. Durante os meses de marzo, abril, maio e xuño poderase participar en actividades como saídas a natureza, obradoiros variados, campionatos de xogos de mesa, debates, faladoiros, actividades deportivas e distintas actividades de diversas inquietudes. Así mesmo con motivo das Letras Galegas haberá para esa xornada actividades aínda por confirmar.

Este ano a programación estará dividida en bloques, tales como De ruta, De obradoiros, De equipo e De concursos.

As actividades “De obradoiros” comezarán cun de trampeo eficiente contra as velutinas este 21 de marzo, ás 20:00 horas. Esta actividade estará aberta para todas as persoas interesadas en participar.

O seguinte realizarase o 11 de abril ás 20:00 horas e tratará sobre nocións básicas de mecánica de bicicletas.

O derradeiro desta quenda será un obradoiro de radio/podcast que se realizará o 9 de maio de 18:00 horas ás 20:00 horas.

“De Ruta” consistirá en marchas nocturnas a recursos naturais da nosa contar. As quedadas serán o 20 de abril, o 11 de maio e o 8 de xuño a partir das 19:30 horas.

Todos os venres, “De equipo” haberá Grupo de debate” e “Faladoiros” en dúas quendas, menos de 18 anos ás 19:00h e máis de 18 anos ás 20:15h.

Para o 15 de xuño organízase un 3x3 de basket de rúa, de 11:00 horas ás 23:00 horas.

E para rematar os bloques “De concursos” está programado tres temáticas: fotografía de primavera, matraquillo e xadrez.

Iago Santás, concelleiro de Mocidade, confía en que as actividades sexan do interese dos mozos e mozas e que se animen a participar nesta programación de primavera que tenta abarcar opcións para todos os gustos. Así mesmo anima a participar a todas aquelas persoas que estean interesadas.