A ‘Primavera na Mocidade’ regresa a Allariz cun extenso programa de actividades culturais e deportivas

OurenseXa
Entre os meses de abril e xuño, as persoas interesadas poderán participar en roteiros, obradoiros, concertos e eventos lúdicos co obxectivo de fomentar a cultura, o coñecemento e a convivencia
primavera-na-mocidade-allariz
Presentación do programa de actividades de 'Primavera na Mocidade'
26 Mar 2025

O Concello de Allariz, a través da súa área de Mocidade, pon en marcha unha nova edición da "Primavera na Mocidade", un programa repleto de actividades destinadas á mocidade do municipio. Entre os meses de abril e xuño, as persoas interesadas poderán participar en roteiros, obradoiros, concertos e eventos lúdicos co obxectivo de fomentar a cultura, o coñecemento e a convivencia.

Un dos pratos fortes da programación serán os roteiros de memoria histórica, que incluirán a ruta Teixedal de Casiao e Minas de Wolframio, o 27 de abril, a ruta ‘A Eiredera: O último bastión da resistencia antifranquista en Ourense’, prevista para o 31 de maio, e o roteiro ‘Irmandiños: Xeolocalización e aventura na Ribeira Sacra’, o 29 de xuño. O custo destes roteiros será de 15 euros para a idanía xeral e 10 euros para residentes en Allariz.

Ademais, a programación inclúe obradoiros formativos de gran interese, como o taller ‘Stop Velutinas’, para coñecer técnicas de trampeo e consellos básicos, que se levará a cabo en abril, ‘Iniciación á mesa de mesturas e Pica Discos (DJ)’, no mes de maio, e ‘Privacidade e Internet: Fuxindo do Big Data’, en xuño.

O 16 de maio, celebrarase un evento especial na Praza Maior para conmemorar as Letras Galegas, con actuacións da Escola Municipal de Música Tradicional de Allariz, Ukestra do Medio e Guezos, ás 21.30 horas.

A programación tamén inclúe actividades de fin de curso, como o I Torneo Amateur de Xadrez "Mocidade Alaricana" o 1 de xuño, e a actividade de Batería, Batucada e Guitarra o 13 de xuño, na Casa da Cultura.

O concelleiro de Mocidade, Iago Santás, anima á mocidade local a participar nesta nova edición da "Primavera na Mocidade". "Con esta programación, queremos ofrecer á mocidade de Allariz un espazo para a creatividade, a aprendizaxe e a diversión. As actividades están pensadas para que todas as persoas, especialmente aquelas de entre 13 e 35 anos, podan atopar algo do seu interese. Animamos a toda a xente a inscribirse e participar activamente nesta proposta cultural e educativa", destacou Santás.

Todas as actividades están abertas ao público en xeral, especialmente á mocidade de entre 13 e 35 anos. As persoas interesadas en participar deberán inscribirse previamente enviando un correo a mocidade@allariz.gal, indicando o título da actividade na que desexan participar.

Con esta ampla programación, Allariz reafírmase como un referente no impulso á participación xuvenil e á dinamización cultural do municipio.

⚙ Configurar cookies
0.86523604393005