A primeira audioguía dixital da provincia de Ourense xa é unha realidade
O presidente provincial, Luis Menor, visitou este mércores a vila de Celanova, onde quixo poñer en valor a importancia da cooperación institucional, salientando que “colaboramos en favor do deporte, o comercio local e a cultura”, destacando tamén que “o noso xeito de traballar, coa colaboración como eixo principal, é o que primamos no Goberno Provincial e así seguiremos a desenvolver as políticas que máis beneficien e apoien aos municipios da provincia.
Así, Menor participou na presentación da primeira audioguía dixital patrimonio/comercio local, coa que a Deputación posibilita que o casco histórico de Celanova “sexa o primeiro espazo aberto de carácter monumental de Galicia que conte cunha audioguía dixital multimedia para que os visitantes poidan ser guiados polas rúas comerciais a través do patrimonio local”. A Deputación, en colaboración coa Asociación de Comerciantes CHEA, contribuirá a dinamizar a economía do comercio local a través da dixitalización, creando a primeira audioguía dixital aproveitando o potencial turístico da zona monumental. A través da dixitalización do material turístico en papel, ponse a disposición un innovador elemento de promoción coa cofinanciación de Fondos Next Generation.
Os usuarios poderán obter esta audioguía a través dun cógido QR que se lle facilitará gratuitamene nos comercios adheridos a esta iniciativa, e poderán escoitala no seu teléfono móbil puidendo deixala de recordo para escoitala con máis profundidade nos seus fogares. “Da man da cooperación institucional seguimos dando pasos firmes para a posta en valor do noso territorio provincial, ofrecendo ferramentas para que os municipios poidan desenvolver políticas de proxección turística innovadoras e produtivas”, explicou Luis Menor, amosando o seu convencemento de que “esta audioguía suporá un antes e un despois na política de promoción turística do municipio”.