A provincia de Ourense recibe máis de 1,8 millóns para impulsar a conciliación a través do programa Corresponsables

OurenseXa
A iniciativa permite financiar campamentos de verán e actividades para menores de ata 16 anos en 54 concellos e tres mancomunidades da provincia
plan-corresponsables-pereiro-de-aguiar-
10 Jul 2026

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, visitou este venres, acompañado polo alcalde do Pereiro de Aguiar, Luis Menor, aos participantes no programa Aula Concilia que se desenvolve neste municipio, unha das iniciativas impulsadas ao abeiro do Plan Corresponsables para favorecer a conciliación das familias.

A través deste programa, a Consellería de Política Social e Igualdade cofinancia, xunto co Ministerio de Igualdade do Goberno de España, diferentes actuacións no ámbito local cunha achega superior aos 1,8 millóns de euros na provincia de Ourense. En total, son 57 entidades ourensás —54 concellos e tres mancomunidades— as beneficiarias destas actuacións.

No caso do Pereiro de Aguiar, o representante autonómico explicou que o municipio recibiu, xunto con Paderne de Allariz, unha achega conxunta de 120.000 euros destinada ao desenvolvemento dun amplo programa de actividades de conciliación e sensibilización. A iniciativa ofrece ás nenas e nenos participantes diferentes recursos educativos a través dun programa cun carácter principalmente lúdico.

Segundo destacou Manuel Pardo, na provincia de Ourense tamén recibiron apoio ao abeiro do Plan Corresponsables os concellos da A Bola, A Merca, A Peroxa, A Veiga, A Arnoia, Allariz, Amoeiro, Avión, Bande, Baños de Molgas, Barbadás, Beade, Boborás, Carballeda de Avia, Castrelo do Val, Cenlle, Coles, Cortegada, Cualedro, Laza, Leiro, Lobios, Maceda, Manzaneda, Maside, Melón, Monterrei, Muíños, Oímbra, Parada de Sil, Piñor, Porqueira, Ramirás, Ribadavia, Rubiá, San Amaro, San Cibrao das Viñas, San Cristovo de Cea, San Xoán de Río, Sandiás, Taboadela, Trasmiras, Verea, Viana do Bolo, Vilamarín, Vilar de Barrio, Vilar de Santos, Xunqueira de Ambía, Xunqueira de Espadanedo, O Bolo, O Carballiño, O Castro de Caldelas e Os Blancos.

Tamén son beneficiarias as mancomunidades da Comarca de Verín, Intermunicipal Voluntaria Conso-Frieiras e Terra de Celanova.

Durante a súa visita, o delegado territorial sinalou que a Xunta destinou este ano 6,5 millóns de euros ao Plan Corresponsables para financiar campamentos de verán e actividades dirixidas á infancia e á adolescencia durante os períodos non lectivos en máis de 200 concellos galegos.

Manuel Pardo destacou que estas actuacións representan, segundo indicou, unha aposta pola conciliación e a corresponsabilidade, ao ofrecer alternativas para que as familias poidan contar con servizos de atención para os seus fillos e fillas; pola igualdade, para favorecer que os coidados non recaian sempre nas nais; e pola colaboración cos concellos e entidades locais.

“Con este tipo de iniciativas maniféstase o compromiso da Xunta para seguir impulsando este tipo de proxectos que son imprescindibles para seguir avanzando nunha Galicia máis igualitaria”, afirmou o delegado territorial.

0.12335586547852