A Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense presenta o seu tradicional Concerto de Nadal
A igrexa de Santa María dos Remedios de Larouco acollerá, o vindeiro 27 de decembro a partires das 18.30 horas, o tradicional concerto de Nadal a cargo da Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense. Trátase, tal e como o definiu o director da Área de Cultura da institución provincial, Marcos Vázquez, “un dos símbolos indiscutibles do Nadal en Ourense”, transmitíndolle en nome do presidente provincial, Luis Menor, os parabéns aos membros da Escola Provincial de Gaitas e da Real Banda, “por levar a cabo un labor encomiable”.
A alcaldesa de Larouco, Patricia Lamela, agradeceu a escolla do seu municipio para este concerto, “pois escoitar á Real Banda de Gaitas impresiona sempre, e máis se é na igrexa de Santa María dos Remedios”.
Pola súa banda, o director da Escola Provincial de Gaitas, Xosé Lois Foxo, lembrou que dentro da filosofía da Escola Provincial de Gaitas “atópase homenaxear a unha das voces máis importantes de Galicia: a de Blandina González Rodríguez, cantora de Cotarós-Trives”. Foxo tamén recalcou que con este concerto, “Larouco será a capital da música de Galicia” e anunciou que tamén se emitirá por streaming “para transmitir a mensaxe, a alegría e o coñecemento desta importante acción cultural”.