A Real Banda de Gaitas de Ourense leva a Budapest a XLI Xuntanza Internacional de Gaiteiros

OurenseXa
A formación provincial, con 36 músicos, ofrecerá este mércores un adianto do encontro que se celebrará o 4 e 5 de setembro en Monterrei, declarado Festa de Interese Turística de Galicia
ensaio_RBO_previo_Hungria
18 Aug 2026

A Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense viaxará este mércores, 19 de agosto, ata Budapest para dar a coñecer a XLI Xuntanza Internacional de Gaiteiros, cita que terá lugar os días 4 e 5 de setembro no concello de Monterrei e que conta co recoñecemento de Festa de Interese Turística de Galicia.

O acto desenvolverase ás 18.00 horas na praza Batthyány, no centro mesmo da capital húngara, e reunirá aos 36 músicos que compoñen a agrupación provincial, baixo a dirección de Xosé Lois Foxo, xunto a representantes da música tradicional húngara.

Como parte da presentación, a banda ourensá compartirá escenario cos músicos locais para interpretar de xeito conxunto unha suite que combina pezas galegas e húngaras, composta expresamente para esta cita como xesto de unión entre ambas as culturas musicais.

Este adianto en Budapest servirá tamén para dar a coñecer os contidos da vindeira edición da Xuntanza, centrada este ano na música tradicional de Hungría. O país centroeuropeo terá un papel destacado no programa, coa participación da intérprete de zanfona Hajnalka Fogarassy e a agrupación de gaitas Virtus Dudazenekar.

Con esta acción, a Deputación de Ourense busca ampliar o alcance internacional da Xuntanza e dar a coñecer en Hungría un dos eventos culturais máis consolidados do calendario ourensán, que desde hai corenta anos impulsa o coñecemento, a conservación e o intercambio entre as diferentes tradicións gaiteiras do mundo. Tras o seu paso por Budapest, a Real Banda de Gaitas continuará a súa xira internacional cunha actuación no Festival Internacional de Gaitas de Strakonice, na República Checa.

A XLI Xuntanza Internacional de Gaiteiros terá lugar os días 4 e 5 de setembro repartida entre Flariz, Verín e Monterrei, cun programa que combinará concertos, charlas e actividades divulgativas. O peche final será na explanada do Castelo de Monterrei, coa presenza de artistas e grupos chegados de distintos países.

0.13664603233337