A reforma integral do CEIP Manuel Luís Acuña de Ourense sairá a licitación este ano por máis dun millón de euros

A Xunta de Galicia prevé sacar este ano a licitación a rehabilitación integral do CEIP Manuel Luís Acuña de Ourense, unha actuación cun investimento superior ao millón de euros que forma parte do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica 2024-2028.
O anuncio foi realizado polo secretario xeral técnico da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Manuel Vila, durante a súa intervención no Parlamento de Galicia. Segundo explicou, o proxecto está practicamente rematado e a licitación tramitarase como anticipado de gasto ao longo deste ano, coa previsión de que a obra poida ser adxudicada nos primeiros meses de 2027. Os traballos desenvolveríanse conforme aos prazos previstos e estarían finalizados a principios de 2028.
Manuel Vila destacou que se trata dunha rehabilitación enerxética integral do centro educativo coa que a Xunta cumpre “o compromiso adquirido coa comunidade educativa do Manuel Luís Acuña”.
A actuación contempla a renovación completa dos 1.205 metros cadrados de cuberta de fibrocemento e tella, que serán substituídos por panel sándwich, así como o illamento de máis de 1.090 metros cadrados do forxado baixo cuberta.
O proxecto inclúe tamén melloras na accesibilidade, como a adaptación do acceso peonil á parcela desde a rúa Hórreo e a corrección da pendente nun tramo da beirarrúa que rodea o edificio.
Entre as intervencións previstas figura ademais o revestimento de preto de 1.744 metros cadrados de fachada mediante un sistema de illamento térmico exterior, a substitución de 124 carpinterías exteriores —entre ventás e portas— e a renovación de 434 luminarias interiores e dez exteriores por iluminación LED.
A reforma incorpora tamén a instalación de novos falsos teitos nunha superficie próxima aos 2.478 metros cadrados e o illamento do forxado da planta baixa nunha extensión de 624 metros cadrados.
O secretario xeral técnico de Educación lembrou que esta actuación xa estaba contemplada na planificación da Consellería dentro do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica 2024-2028, unha folla de ruta destinada a adaptar os centros educativos galegos ás novas necesidades técnicas, educativas e pedagóxicas.
“Estamos ante unha rede moi ampla, extensa e dispersa polo territorio, que require planificación, capacidade técnica e un importante esforzo investidor”, sinalou Manuel Vila.
Segundo os últimos datos achegados pola Xunta, o Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica suma xa 3.369 actuacións mobilizadas e un investimento superior aos 369 millóns de euros. Destas intervencións, 2.927 obras están rematadas, o que representa o 86,9 % do total, mentres que 390 actuacións están en marcha este verán, entre elas 61 grandes obras e 329 intervencións do Plan Ben_Estar.
Ademais, o plan conta con medio cento de actuacións xa comprometidas. Desde a Xunta sinalan que, con esta planificación, “está modernizando as infraestruturas educativas e garantindo un ensino de calidade, próximo e equitativo en todo o territorio”, segundo engadiu o secretario xeral técnico de Educación.