A República feminista e o anarquismo protagonizan as Xornadas de Memoria e Muller en Celanova

OurenseXa
Terán lugar a vindeira fin de semana con conferencias, mesas de debate e a inauguración da exposición “Presas e Mestras”, centrada na represión das mulleres
Cárcere de Mulleres, Celanova
Cárcere de Mulleres, Celanova
18 Jun 2026

As III Xornadas Memoria e Muller. Lembranza de María Cabaco terán lugar os días 27 e 28 de xuño no Auditorio Municipal Ilduara de Celanova, co patrocinio do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero. O programa contará coa participación de diversas investigadoras e especialistas que abordarán distintas dimensións da historia e da represión exercida sobre as mulleres durante o século XX.

A profesora e investigadora Lola Varela abrirá as intervencións cunha conferencia centrada nas conquistas das mulleres durante a II República, destacando os avances truncados polo golpe de Estado de 1936 tanto en Galicia como no conxunto do Estado. Varela, vinculada ao movemento feminista desde os anos setenta, ten estudado a represión franquista sobre as mulleres.

Pola súa banda, Tamara López Fernández, investigadora da Universidade de Santiago de Compostela e integrante do grupo HISTAGRA, abordará a represión de xénero durante a ditadura. Entre as súas publicacións figuran traballos como “Violencia sexual, violencia institucional: as agresións e abusos sexuais a través da xustiza ordinaria no franquismo” e “Fuera de toda moral: la prostitución en tiempos de Franco”.

As sesións da mañá completaranse coa intervención de Domingo Rodríguez Teijeiro, profesor de Historia Contemporánea da Universidade de Vigo e especialista no sistema carcerario franquista.

Tras as conferencias, presentarase o ensaio “Mulleres Libertarias na Galiza, 1981-1976” (Editorial Imperdible), obra de Dionísio Pereira e Eliseo Fernández, investigadores do movemento libertario galego e autores de títulos como “O anarquismo na Galiza” (Edicións Positivas, 2004) e “O movemento libertario en Galiza (1936-1976)” (A Nosa Terra, 2006).

No novo ensaio, con prólogo de Carmen Blanco, os autores amplían e revisan a análise sobre a participación das mulleres no movemento obreiro e anarquista galego desde os seus inicios ata a transición, así como a represión sufrida tras o golpe de 1936. Segundo os datos recollidos, de entre un mínimo de 950 persoas cenetistas e anarquistas represaliadas, cando menos 110 eran mulleres.

O sábado 27 de xuño, a xornada comezará ás 10.30 horas coa presentación das xornadas. Entre as 10.45 e as 13.00 horas celebraranse as conferencias de Lola Varela, Domingo Rodríguez Teijeiro e Tamara López. Ás 13.00 horas, Eliseo Fernández e Dionísio Pereira presentarán “Mulleres Libertarias na Galiza”.

Pola tarde, ás 16.15 horas, a xornalista Nuria López moderará unha mesa redonda con familiares de presas e mestras represaliadas na comarca durante o franquismo, xunto coa historiadora Rosa Cid Galante.

O domingo 28 de xuño, ás 11.00 horas, Aurora Marco presentará o ensaio “María Vázquez, a mestra socialista eliminada polo franquismo” (Alvarellos Editora).

O peche das xornadas terá lugar ás 12.30 horas coa inauguración da exposición “Presas e Mestras. A represión das mulleres na comarca de Celanova”, comisariada por Rosa Cid e amadriñada por Aurora Marco. A mostra reúne testemuños, documentos e historias de vida de mulleres represaliadas e percorrerá distintos concellos e centros educativos da comarca durante 2026 e 2027.

0.11377000808716