A revista Raigame percorre os lazos culturais entre Galicia e Bretaña no seu número 56

GaliciaXa | OurenseXa
A publicación reúne traballos de 22 autores arredor de Castelao, o Camiño de Santiago, as linguas e o patrimonio das dúas fisterras atlánticas
presentacion-raigame-56
8 Oct 2026

A revista Raigame presentou o seu número 56, titulado ‘Galicia e Bretaña 2026. Percorrendo os camiños de Castelao II’, unha nova entrega dedicada ás relacións culturais entre Galicia e Bretaña. O volume reúne achegas de 22 autores e terá unha segunda presentación o vindeiro 15 de outubro en Quimper.

O acto de presentación contou coa participación do deputado de Representación Institucional, Rosendo Fernández; do director do Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo, Xulio Fernández Senra; e de Afonso Vázquez-Monxardín. Esta edición dá continuidade á colaboración iniciada no número 52 con entidades bretoas de Quimper e ten como principais fíos condutores a figura de Castelao e o Camiño de Santiago.

Rosendo Fernández destacou que “Castelao e o Camiño de Santiago volven ser o fío condutor dunha obra rigorosa e moi ben estruturada”, mentres que Xulio Fernández Senra salientou o carácter multilingüe e multidisciplinar da publicación, que tamén pode consultarse de maneira dixital e gratuíta.

O novo número está dividido en catro bloques temáticos. O primeiro aborda as linguas galega e bretoa, con colaboracións de Valentín García e Rozenn Milin. O segundo céntrase en Castelao e inclúe estudos sobre a súa relación con Ourense, a súa viaxe a Bretaña en 1929, o estudo dos cruceiros e os paralelismos entre as revistas ‘Nós’ e ‘Gwalarn’.

Afonso Vázquez-Monxardín analiza precisamente a relación de Castelao con Ourense e coa súa xente, desde os proxectos e amizades que mantivo con figuras como Otero Pedrayo e Risco ata a posterior edición de Sempre en Galiza no Centro Ourensán de Bos Aires.

O terceiro bloque está dedicado á iconografía relixiosa dos camiños de Ourense e reúne traballos sobre as ‘pezas do mes’ do Museo Arqueolóxico, as pinturas murais de Santa María de Nogueira de Miño, os calvarios galegos, as advocacións xacobeas, Santa Mariña de Augas Santas, as representacións de San Rosendo e a iconografía mariana do Ribeiro.

A cuarta parte percorre diferentes elementos do patrimonio bretón, con artigos dedicados ao calvario de Kilinenn, ao fondo fotográfico do Museo Departamental Bretón, aos bordados do traxe tradicional, á presenza de artistas americanos en Pont-Aven, á vila de Morlaix, á relación de Pouldavid coa peregrinación a Compostela e ao proxecto escultórico do Val dos Santos.

A publicación conta coa colaboración de Ti ar Vro Kemper, o Comité de Irmandade Quimper-Ourense, a Asociación Bretoa de Amigos de Santiago e a vila de Quimper. Ademais, incorpora códigos QR para facilitar o acceso ás traducións dos diferentes textos.

O número 56 de ‘Raigame’ presentarase o xoves 15 de outubro en Quimper, no marco da Semana Cultural de Galicia. A revista distribúese gratuitamente entre bibliotecas, museos, centros culturais e centros educativos da provincia de Ourense.

As persoas interesadas en obter un exemplar poden solicitalo nas oficinas do Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo e no Servizo de Publicacións da Deputación de Ourense.

0.1583080291748