A rúa Marcelo Macías estará pechada por obras a partir deste luns

OurenseXa
Os condutores disporán como itinerarios alternativos as rúas Camiño Romano, cara o Polvorín e o Camiño dos Ponxos, cara Barbadás
Obras na rúa Marcelo Macías
24 Jun 2024

Un tramo da rúa Marcelo Macías, desde a rúa Vázquez Núñez até a rotonda de acceso desde a Nacional 525, estará pecho ao tráfico desde este luns, 24 de xuño, pola execución de obras de reparación do pavimento da rúa no seu cruzamento con Martínez Sueiro.

O dispositivo de tráfico deseñado pola Policía Local establece como itinerarios de circulación alternativos as rúas Camiño Romano e o último tramo do Camiño dos Ponxos (desde a zona de xogos biosaudables). Ambos terán sentido único de circulación: o Camiño Romano como vía de acceso ao barrio do Polvorín e o Camiño dos Ponxos cara a Barbadás. O Concello prevé que as obras rematen o venres, 28 de xuño.

Acceso desde a N-525

Os vehículos que desexen acceder cara ao Polvorín desde a estrada nacional 525 deberán facelo a través do Camiño do Dentragón, na rotonda situada xunto a Maderas Soto, e seguir pola rúa Camiño Romano, que os levará á Praza do Cruceiro, no Polvorín. En sentido cara a Barbadás, deberán utilizar a rúa Camiño dos Ponxos (que manterá o dobre sentido de circulación entre a Praza do Cruceiro e a zona de xogos biosaudables, e será de sentido único de saída da cidade desde este espazo).

Para entrar á cidade, outro itinerario alternativo sería avanzar desde a glorieta de Marcelo Macías cara as rúas Tangaraño – Cabeza de Vaca e Castelo Ramiro, até a Avenida de Portugal e, para saír: Vázquez Núñez – Pastor Díaz, Castelo Ramiro –Cabeza de Vaca – Tangaraño.

Subsanar deficiencias

As obras teñen como obxecto subsanar as deficiencias detectadas no proxecto de reforma da rúa executado pola Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Infraestruturas: un afundimento cun burato na intersección de Marcelo Macías con Martínez Sueiro. As obras atópanse en garantía e serán executadas pola empresa construtora que realizou a dita reforma.

0.14381408691406