A Sala Alterarte pecha o curso cunha exposición de Xosé Poldras centrada no gravado e a memoria persoal

OurenseXa
Poderá verse ata o 24 de xuño no espazo expositivo do campus de Ourense
expo-xose-poldras-sala-alterarte
25 May 2026

A Sala Alterarte clausura a programación expositiva deste curso académico cunha mostra do artista Xosé Poldras, que poderá visitarse ata o 24 de xullo. A exposición, comisariada por Marta García, reúne principalmente obra gráfica do creador, aínda que tamén incorpora pezas doutros formatos.

Baixo o título '…miña prenda', a proposta toma como punto de partida unha expresión afectiva que o artista escoitaba da súa avoa Adelaida. A comisaria explica que nesta exposición Poldras realiza unha revisión do seu propio percorrido artístico, nun exercicio no que a mirada se dirixe cara a dentro. Segundo sinala, trátase dunha proposta na que o creador “tómase a si mesmo como referencia”, nun xiro que marca unha nova etapa na súa forma de abordar a creación.

O percorrido expositivo inclúe obras como Os buratos do ceo, concibida como unha travesía no tempo e no espazo; Especulando, un conxunto de gravados en forma de remuíño; ou Rosa dos alentos, na que a memoria e os lugares habitados adquiren un papel central. A mostra complétase con outras disciplinas, como pintura, escultura e cadernos de debuxo, entre os que destaca a peza O salgueiro ou a escultura A promesa, unha figura de barro que explora o límite entre o humano e o animal.

Doutor en Belas Artes pola Universidade de Vigo e licenciado pola Universidade de Salamanca, Xosé Poldras conta cunha ampla traxectoria académica e artística, ademais de experiencia internacional e diversos recoñecementos, entre eles o segundo premio no III Certame Internacional de Gravado Dinastía Vivanco. A súa obra está presente en coleccións como a Biblioteca Nacional de España e ten desenvolvido tamén unha intensa actividade en obradoiros de creación relacionados co debuxo, o gravado e a poesía visual.

0.12892413139343