A Sala Valente de Ourense abre esta tarde unha mostra de retratos do pintor Martínez Coello

OurenseXa
A mostra, composta por retratos en técnica mixta de persoas achegadas ao autor, poderá visitarse ata o 10 de xaneiro na rúa do Paseo
exposición Xentes de Ben Ourense
19 Nov 2026

A Sala municipal José Ángel Valente de Ourense abre esta tarde, ás 20.00 horas, as portas dunha nova exposición titulada ‘140 máis 15’ Xentes de Ben, obra do pintor ourensán Miguel Ángel Martínez Coello.

A mostra reúne unha selección de retratos realizados en técnica mixta, nos que o artista plasmou a persoas do seu contorno próximo ou que tiveron un papel destacado na vida da cidade. Trátase de rostros vinculados ao autor por lazos de afecto ou amizade, moitos dos cales se converteron, dalgún xeito, en parte da paisaxe humana e sentimental da localidade grazas ás súas calidades persoais ou intelectuais.

Martínez Coello é un pintor e intelectual cunha longa traxectoria dedicada a expor e dar a coñecer a cultura ourensá dende 1967, amplamente recoñecido polo seu percorrido tanto no eido artístico como no social. Nos últimos anos, o autor foi realizando numerosos debuxos de persoas do seu contorno que, dun xeito ou doutro, deixaron pegada no día a día e no agarimo da veciñanza.

A exposición poderá visitarse no espazo expositivo da rúa do Paseo ata o 10 de xaneiro. O horario de apertura será de martes a sábado, de 11.00 a 13.30 horas e de 18.00 a 21.00 horas, mentres que os domingos o horario limitarase á franxa de 11.00 a 13.30 horas.

0.16607213020325