A segunda edición da Foliada Moureán chega este sábado a Barbadás

OurenseXa
A programación deste ano inclúe obradoiros e actuacións de distintos grupos e artistas, entre eles Xisco Feijóo, Axeigo, Comando Curuxás, Ailá e Compañía Galega de Bailables
presentacion-foliada-mourean
21 May 2026

O Concello de Barbadás, en colaboración coa asociación cultural Moureán, celebra este sábado a II Foliada Moureán, unha proposta que forma parte do programa municipal para conmemorar as Letras Galegas e que busca poñer en valor a cultura tradicional galega a través da  música, a tradición, a danza e a gastronomía.

A programación desta segunda edición inclúe obradoiros e actuacións de distintos grupos e artistas, entre eles Xisco Feijóo, que impartirá un obradoiro de baile tradicional, así como Axeigo, Comando Curuxás, Ailá e Compañía Galega de Bailables.

As agrupacións musicais do municipio abrirán a xornada cun pasarrúas pola avenida de Celanova. Ás 12.00 horas, Nova Fronteira e a Banda de Música e Cultura de Barbadás percorrerán a rúa central da Valenzá ata chegar ao parque dos Carrís, onde ofrecerán unha sesión vermú. O xantar popular, baseado en porco ao espeto, comezará ás 14.00 horas.

Pola tarde, desenvolverase o obradoiro de baile impartido por Xisco Feijóo. Desde Moureán, Pablo García explicou que “Pola tarde comezamos co obradoiro de baile de Xisco Feijóo, de 16.00 a 18.00 horas, completamente gratuíto”.

A partir das 18.00 horas comezarán as actuacións dos grupos Axeigo, Comando Curuxás, Ailá e Compañía Galega de Bailables. Ao remate, dará inicio unha foliada aberta a músicos e bailadores.

Desde a organización animan á veciñanza a participar nunha tarde de música e convivencia e convidan a asistir e desfrutar da foliada.

0.12303686141968