A segunda edición de “Ourense Musical” chega este venres co apoio da Deputación

A Deputación de Ourense colaborará na celebración da segunda edición de “Ourense Musical”, un concerto gratuíto que reunirá este venres, 29 de maio, a varias bandas e artistas da provincia no Centro Comercial Ponte Vella. A cita arrancará ás 22.00 horas e foi presentada polo director da Área de Cultura da Deputación, Marcos Vázquez, o xerente de Ponte Vella, Marcos Vila, e o organizador do evento, Fernando Calvo.
No cartel participarán os grupos Syntonía, Amarillo Trece, Chao do Carrizo, Faylinn, Distance Sisters e Hyperakusia, aos que se sumará unha actuación dunha All Star Band. O programa incluirá tamén unha exhibición de graffiti dos artistas “Dash” e “Most”, nunha proposta que combinará música en directo e arte urbana co obxectivo de dar visibilidade ao talento creativo ourensán.
A iniciativa pretende servir de escaparate para a música feita na provincia e contribuír á dinamización cultural e social da cidade, cun apoio especial ás bandas locais e ás novas propostas musicais.
Desde a Deputación subliñan “a importancia de impulsar actividades culturais abertas á cidadanía”, especialmente aquelas que permiten “visibilizar o potencial artístico da provincia e crear espazos de encontro arredor da música e da creación contemporánea”.
O concerto celebrarase no recinto do Centro Comercial Ponte Vella con acceso libre e gratuíto, e conta coa colaboración de diferentes entidades e colectivos vinculados á promoción cultural e xuvenil de Ourense.