A sexta edición de Cata Sonora continúa este xoves co terceiro concerto no Museo do Viño de Galicia

O Museo do Viño de Galicia, en Ribadavia, acollerá este xoves o terceiro concerto da sexta edición da Cata Sonora, un ciclo que volve converter o recinto nun espazo de encontro para os amantes da música, a cultura e o viño.
A programación mantén a súa aposta polos concertos en formato acústico, nunha proposta que busca ofrecer unha experiencia cultural nun contorno patrimonial vinculado á tradición vitivinícola da comarca do Ribeiro.
Todas as actuacións do ciclo celébranse ás 21.00 horas e son de acceso libre e gratuíto ata completar a capacidade do recinto.
Como en edicións anteriores, ao remate de cada concerto os asistentes poderán desfrutar dunha copa de viño na zona Lounge do museo, completando unha experiencia que combina música en directo, patrimonio e enoturismo nun dos espazos culturais de referencia da provincia.