A Subdelegación do Goberno analiza as melloras que se están a levar a cabo nas estradas estatais da provincia

O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, visitou este xoves a Unidade de Estradas do Estado en Ourense. Acompañado polo xefe provincial da mesma, Álvaro Rodríguez Aguiar, achegouse a coñecer as instalacións que o Ministerio de Transportes ten na capital, onde traballan a diario 8 funcionarios, 7 laborais e 3 empregados de INECO (empresa pública española de enxeñaría e consultoría), aos que se suman outros 82 traballadores distribuídos en centros sitos en Vilamarín, A Rúa, Allariz e A Gudiña.
Durante a visita, Eladio Santos analizou co xefe provincial a situación das obras de mantemento e outros traballos que se atopan en marcha tanto nas estradas da cidade como da provincia. “Actualizamos datos e avaliamos como está a situación, principalmente daqueles proxectos que permiten continuar avanzando e mellorar as infraestruturas viarias estatais, a través dun importante esforzo por parte do Goberno central”, explicou o subdelegado.
Deste xeito, analizaron as melloras que se están a facer en vías de alta velocidade, como é a autovía A-52, e vías convencionais, con iniciativas de gran relevancia que implican prazos de execución de dous ou tres anos.