A Subdelegación do Goberno en Ourense entrega os diplomas aos voluntarios da Rede Nacional de Radio de Emerxencia

O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, presidiu este xoves un acto de entrega de diplomas a dez voluntarios da Rede Nacional de Radio de Emerxencia (REMER), un dispositivo de ámbito estatal integrado na Dirección Xeral de Protección Civil e Emerxencias do Ministerio do Interior. Durante o evento, celebrado na Subdelegación do Goberno, puxo en valor o papel destes colaboradores e o seu compromiso co servizo público.
Santos agradeceu expresamente o labor que realizan, sinalando que “que demostraron ser esenciais en situacións complexas”. Na súa intervención, destacou tamén a dedicación e xenerosidade dos radioafeccionados recoñecidos. “Estes diplomas acreditan os vosos anos dedicados á REMER, pero tamén amosan, sobre todo, un auténtico compromiso altruísta co servizo público e coa seguridade das persoas”, salientou o subdelegado.
Ademais, lembrou especialmente a resposta da rede durante o apagamento nacional vivido hai un ano, no que a REMER tivo un papel clave na provincia desde o primeiro momento da emerxencia. “Preparastes o voso dispositivo e a rede de comunicacións, cunha actitude de colaboración excepcional. Foron horas difíciles nas que chegamos ao nivel 3 de emerxencia e temíamos que a noite fora un escenario de caos, pero entre o medo e a incerteza, estabamos comunicados grazas á REMER”, subliñou.
Tamén fixo referencia á vaga de incendios forestais rexistrada o pasado ano en Ourense, unha das situacións de emerxencia máis graves da provincia, na que a rede volveu demostrar a súa utilidade. “Mentres a cantidade de lumes e a voracidade dos mesmos complicaban as comunicacións, vós estivestes ao servizo da emerxencia sen dubidalo nin un segundo”, afirmou.
No balance xeral do papel da REMER, Eladio Santos reivindicou a súa importancia como sistema alternativo de telecomunicacións en contextos críticos e salientou a súa evolución. “Tedes a preparación e a organización que requiren as situacións extremas e tamén soubestes aproveitar os avances tecnolóxicos para modernizar os servizos no campo da Protección Civil, con cualificación e adestramento”, recoñeceu.
O acto estivo presentado polo secretario xeral da Subdelegación do Goberno en Ourense, Manuel Arias, e contou coa presenza de representantes institucionais e das forzas e corpos de seguridade, entre eles o subdelegado de Defensa en Ourense, Jesús Peñas, a directora territorial de Presidencia, Xustiza e Deportes da Xunta, Beatriz Fernández, o xefe provincial de Inspección de Telecomunicacións, Enrique San Martín, o comisario provincial xefe da Policía Nacional, Juan Cástor Vázquez, o comandante da Garda Civil, Rodrigo García, o inspector xefe da Unidade da Policía Adscrita a Galicia en Ourense, Breogán Rivo, e a xefa da Unidade de Protección Civil da Subdelegación, Mari Carmen Lodos, ademais doutros membros de emerxencias.
No apartado de homenaxes, foron distinguidos dez radioafeccionados polo seu tempo de colaboración coa rede. Fernando Álvarez García, Luis Docabo Fernández e Daniel Fernández Fidalgo recibiron diploma por 4 anos de servizo. Antonio Veiga Feijóo foi recoñecido por 10 anos. José Luis Piñeiro Garrido e Fernando Casanova Orozco acumulan 15 anos de participación. Óscar Juan Marco Rey foi distinguido polos seus 30 anos, mentres que Camilo Cid Santana e Juan Francisco Mosquera alcanzan os 35 anos de colaboración. O recoñecemento máis veterano foi para José Ángel Casanova Orozco, con 40 anos de servizo na REMER.