A Subdelegación do Goberno en Ourense organiza talleres de defensa persoal dirixidos a vítimas de violencia de xénero
A Subdelegación do Goberno en Ourense organiza, en colaboración coas Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, cinco talleres de defensa persoal dirixidos a vítimas de violencia de xénero e impartidos por axentes especializados da Garda Civil e a Policía Nacional.
A Comisaría Provincial de Ourense acolleu onte o terceiro deles, no que as numerosas participantes aprenderon, da man dun axente da Policía Nacional, técnicas básicas de prevención e autodefensa para liberarse e poder escapar dun intento de agresión machista.
Tamén estiveron presentes neste taller o xefe da Policía Xudicial, Pablo José Álvarez Prieto, e a xefa da Unidade de Violencia Contra a Muller da Subdelegación do Goberno en Ourense, Alida Iglesias, que fixo fincapé na importancia “de dar visibilidade á violencia de xénero, xa que non é só un problema das vítimas, senón de toda a sociedade”.
Despois de que tiveran lugar en San Cibrao das Viñas, A Rúa e na capital; Celanova e Verín completarán o percorrido desta actividade, que se está a desenvolver en diversas localidades coa finalidade de facilitar a asistencia ao maior número posible de vítimas.