A toma de mostras do proxecto Xenoma Galicia chegará a Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras o 7 de setembro

GaliciaXa | OurenseXa
Enviáronse 2.706 invitacións por SMS á veciñanza dos tres distritos sanitarios, co obxectivo de sumar 541 novas participacións a este programa de cribado xenético
laboratorio_recurso
Imaxe de arquivo ilustrativa
26 Aug 2026

O vindeiro luns 7 de setembro arrincará unha nova etapa do proxecto Xenoma Galicia, coa extracción de mostras nos distritos sanitarios de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras. A Consellería de Sanidade xa comezou a enviar mensaxes SMS de xeito aleatorio á poboación destas zonas para convidala a participar nesta iniciativa, que ten como fin identificar variantes xenéticas relacionadas co cancro de mama e ovario hereditario, a síndrome de Lynch e a hipercolesterolemia familiar.

En total remitiranse 2.706 invitacións: 2.188 no distrito de Ourense, 277 no de O Barco de Valdeorras e 241 no de Verín. A mensaxe explica ás persoas convocadas como reservar a súa cita para a extracción a través da aplicación Sergas Móbil. O obxectivo é acadar a participación de 541 persoas: 438 en Ourense, 55 en O Barco de Valdeorras e 48 en Verín.

As extraccións de sangue realizaranse no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense entre o 7 e o 24 de setembro, en horario de 15.30 a 18.30 horas. No Hospital Comarcal de Valdeorras, a toma de mostras terá lugar os días 28 e 29 de setembro, na mesma franxa horaria. Pola súa banda, no Hospital Público de Verín desenvolverase entre o 30 de setembro e o 1 de outubro, tamén de 15.30 a 18.30 horas. Durante todo o proceso, o persoal sanitario irá orientando ás persoas participantes, que non precisan acudir en xaxún.

Este programa conta cun investimento autonómico de 20 millóns de euros e aspira a reunir o ADN de 400.000 galegos. Ademais de identificar variantes de risco, as mostras nutren o biobanco asociado ao proxecto.

As dúas fases piloto anteriores xa permitiron localizar 42 persoas portadoras de variantes xenéticas de alto risco. En función da variante detectada, a consulta médica ofrece pautas de seguimento individualizado, valora se cómpre estudar a familiares e recomenda hábitos de vida saudables que axuden a reducir o risco de que a enfermidade chegue a manifestarse.

Ata o momento, o programa analizou 2.504 mostras dos 4.261 participantes recrutados, cunha taxa de positividade do 1,7 %. Tras o verán, a Consellería de Sanidade continuará o despregamento na área sanitaria da Coruña e Cee, así como no distrito de Lugo.

Polo volume de poboación incluída, Xenoma Galicia sitúase entre os proxectos deste tipo de maior envergadura a nivel mundial. O seu desenvolvemento busca anticipar o risco de enfermidades antes de que se manifesten e avanzar cara a tratamentos farmacolóxicos personalizados, o que colocaría a Galicia nunha posición destacada dentro da investigación biomédica e suporía un pulo para o seu sector biotecnolóxico e farmacéutico.

A iniciativa está coordinada pola Consellería de Sanidade e dirixida polos investigadores da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica María Brión e Ángel Carracedo. O seu desenvolvemento sentará as bases dun modelo de cribado xenético sustentable e contribuirá ao deseño de novos programas de prevención e detección temperá e personalizada.

0.17324209213257