A Verbena do Rella 2026 reunirá preto de 200 artistas en Ramirás como unha das grandes citas da música de raíz en Galicia

GaliciaXa | OurenseXa
O festival celebrarase o 4 de xullo e ofrecerá máis de dez horas ininterrompidas de música, baile e actividades culturais con programación paralela desde o día 3
verbena-do-rella
1 Jul 2026

Ramirás acollerá o vindeiro 4 de xullo unha nova edición da Verbena do Rella, un evento que se consolida como unha das principais referencias da música tradicional e de raíz en Galicia e no Noroeste peninsular.

A iniciativa, organizada por Rebulir, reunirá nesta edición preto de 200 artistas chegados de distintos puntos de Galicia e contará cunha programación que se estenderá durante máis de dez horas continuadas de música, baile e actividades culturais. Ademais, o festival incluirá actividades paralelas desde o venres 3 de xullo, ampliando a oferta cultural ao longo de toda a fin de semana.

O cartel desta edición está formado por propostas destacadas do ámbito da música folk e tradicional galega, entre as que se atopan Carapaus, Coanhadeira, Airiños da Freba, O Fiadeiro e Cantigas e Agarimos, xunto con numerosas formacións de música e baile tradicional, escolas e asociacións culturais que converterán Ramirás nun punto de encontro arredor da cultura popular.

A Verbena do RELLA nace coa finalidade de preservar, divulgar e proxectar o patrimonio musical galego, favorecendo o intercambio entre xeracións e promovendo a participación da cidadanía. O festival combina concertos, encontros de escolas de música e baile, obradoiros, actividades familiares e propostas participativas dirixidas a todos os públicos.

Máis aló do seu carácter cultural, o evento supón tamén un importante impulso económico e turístico para a comarca. A elevada afluencia de visitantes ten un impacto directo na hostalaría, restauración e comercio local, e os aloxamentos da contorna xa están completos para esa fin de semana.

programa-verbena-do-rella
0.14522695541382