A verbena xacobea repasará este venres a evolución da verbena galega no Pereiro de Aguiar

O vindeiro venres 4, a partir das 22.30 horas, o Campo dos Gozos acollerá 'A Historia da Verbena', un espectáculo pensado para todos os públicos que propón un percorrido pola historia das festas populares e das orquestras galegas, desde o século pasado ata a actualidade.
A proposta combina música en directo, baile, humor e imaxes para repasar cancións representativas de distintas épocas. O grupo La Oca Band será o encargado de interpretar os temas, con Pepo Suevos como narrador do espectáculo.
Ademais, contará coa presenza de numerosos artistas vinculados á verbena galega, tanto actuais como figuras históricas do xénero, entre eles Lito Garrido (Panorama), Blas Piñón (París de Noia), Pili Pampín, así como integrantes de Los Satélites, El Combo Dominicano, Cinema e Costa Oeste, entre outros.
Como novidade, o espectáculo inclúe un tema inédito, 'De Noite Soñei', gravado coa participación dun coro formado por máis de 70 integrantes procedentes de distintas orquestras galegas.
Trátase dunha proposta que combina entretemento e carácter divulgativo, pensada para cantar, lembrar e coñecer de preto a evolución da verbena en Galicia.