A VII edición de Sportur Galicia e o Congreso Internacional de Turismo e Deporte reuniron en Expourense ao redor de 4.000 visitas

OurenseXa
Sportur puxo fin a actividade feiral de Expourense deste 2024, que xa se prepara para acoller Trofeo ABANCA en Pista Curta 2024
Sportur Galicia 2024
Sportur Galicia 2024
14 Dec 2024

Expourense pechou este venres as portas da sétima edición de Sportur Galicia e da quinta do Congreso Internacional de Turismo e Deporte logo de visibilizar, por un lado, a consolidación do deporte e das actividades relacionadas coa natureza como motivación turística para elixir Galicia e, polo outro, posicionar ao turismo deportivo como un sector profesional con futuro. En total, ambas as dúas citas reuniron ao redor de 4.000 visitas en Expourense.

Esta segunda e última xornada do Congreso estivo centrada no turismo activo urbán a través de conferencias e mesas redondas que analizaron as claves para construír unha “cidade activa” que serían aquelas nas que se lle da unha prioridade real á saúde e nas que se crean oportunidades para que os habitantes poidan ser fisicamente activos na súa vida cotiá. A cidade de Pontevedra foi unha das citadas en varias ocasións como caso de éxito de cidade activa. Este congreso foi seguido por 400 asistentes, tanto de xeito presencial dende Expourense, como de xeito virtual dende distintos puntos de España e Portugal.

Sportur Galicia foi o escenario elixido por 47 entidades entre as que destacaban unha trintena de federacións deportivas que convocaron en Expourense aos seus deportistas e organizaron adestramentos, competicións ou exhibicións de deportes como o atletismo, a o wu-shu, a esgrima antiga, o badminton, halteroflia, hockey, patinaxe, xadrez, cachibol, etc. As visitas tamén pudieron realizar controis de azucre no sangue ou realizar un estudo antropométrico. Relacionado coa formación, pudieron coñecer as distintas opcións vencelladas ao turismo e ao deporte que ofrece a Formación Profesional en Galicia e tamén a que ofrecen as Forzas Armadas españolas.

Durante este segundo día de Sportur celebrouse unha nova xornada do “Xogando ao Atletismo” promovido pola Secretaría Xeral para o Deporte coa colaboración de Expourense. Participaron nesta xornada máis de 300 escolares de Secundaria de centros educativos da cidade de Ourense. Tamén foi o día da realización da “foto de familia” do Clube Atletismo Ourense.

Nesta tarde de venres tamén foi impartida unha charla maxistral a cargo do consultor Fernando Salinero que estivo especialmente dirixida aos directivos dos clubes deportivos da provincia de Ourense e á que asistiron representantes de medio cento de asociación ourensás.

Sportur Galicia e o Congreso de Turismo Deportivo estiveron organizados por Expourense co apoio Secretaría Xeral para o Deporte e da Deputación Provincial de Ourense.

Remata así unha nova edición de Sportur Galicia que supón a última cita do calendario feiral de Expourense para este 2024. É un salón de transición cara a actividade deportiva na pista de atletismo que xa comeza o vindeiro sábado 21 de decembro coa celebración do Trofeo ABANCA en Pista Curta 2024. Entre as probas deportivas desta tempada destacan o I Meeting Internacional de Ourense o 18 de xaneiro de 2025; o XL Campionato Xunta de Galicia de Atletismo Absoluto en Pista Curta o 2 de febreiro e o Campionato de España Sub16 os días 15 e 16 de marzo.

0.16314578056335