A VII Festa Etnográfica de Loñoá reivindica a tradición oleira e a cultura popular no Pereiro de Aguiar

OurenseXa
A cita reuniu veciñanza, visitantes e representantes institucionais arredor de demostracións de oficios, música, gastronomía e actividades para todos os públicos
festa-etnografica-loñoa
13 Jul 2026

Loñoá acolleu este domingo a sétima edición da Festa Etnográfica do Pereiro de Aguiar, unha celebración xa consolidada como un referente na recuperación e difusión da cultura tradicional galega. Ao longo da xornada, veciñanza e visitantes participaron nun amplo programa de actividades centrado na posta en valor da identidade etnográfica do municipio e da súa histórica tradición oleira.

A programación incluíu demostracións de oficios artesanais, música, danza, teatro, contacontos, gastronomía, xogos populares e propostas dirixidas a persoas de todas as idades, convertendo a localidade nun espazo de encontro arredor do patrimonio cultural.

O alcalde do Pereiro de Aguiar participou na celebración acompañado por diversas autoridades e destacou o significado desta edición. “Hoxe vivimos unha xornada absolutamente inesquecible na VII Festa Etnográfica de Loñoá. Ao longo de todo o día de hoxe, o noso concello converteuse no corazón palpitante da nosa cultura, recuperando con orgullo a nosa histórica tradición oleira e artesá”.

O rexedor asegurou que “como alcalde, é unha honra ver a un pobo tan unido e envorcado en manter vivas as nosas raíces, a nosa música, os nosos oficios e a nosa identidade”, e subliñou que o éxito da celebración “non é froito da casualidade, senón do esforzo, colaboración e do corazón de moitísima xente”.

Na súa intervención tamén agradeceu a presenza das autoridades que asistiron ao evento, entre elas o delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo Cid, o director de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles, o director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén Castro; a alcaldesa de San Cibrao das Viñas e vicepresidenta da Deputación de Ourense, Marta Nóvoa, a xerente de Galicia Calidade, Ana Méndez Gil, o alcalde de Xunqueira de Espadañedo, Pablo Graña, e o alcalde de Esgos, José Antonio Blanco, ademais dos integrantes do Goberno municipal.

O alcalde tamén tivo palabras de recoñecemento para a veciñanza e as persoas visitantes. “Á nosa querida veciñanza de Loñoá e do Pereiro de Aguiar, e a todos os visitantes que nos acompañastes durante toda esta xornada, enchendo as rúas de ledicia, troula e participación en cada obradoiro e actividade. ¡Vós dades sentido a todo isto!”, salientou Menor, que destacou o papel da olería, a cestería e outros oficios tradicionais para o municipio.

Pola súa banda, o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, que asistiu á festa acompañado polo director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, e polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, puxo en valor esta celebración como unha ferramenta para impulsar un modelo turístico baseado na autenticidade, na conservación do patrimonio inmaterial e na dinamización do medio rural.

Merelles sinalou que a Festa Etnográfica encaixa nos obxectivos da Estratexia de Turismo de Galicia 2030 e destacou que a implicación da veciñanza, a transmisión dos oficios tradicionais entre xeracións e a diversificación da oferta turística converten esta cita nun exemplo de valorización da cultura rural galega e de promoción dun turismo sustentable e equilibrado para o territorio.

0.1387619972229